22-05-2019
O recente informe do IPBES (painel internacional para a diversidade biolóxica, UNESCO) subliña a preocupante situación da biodiversidade mundial, inmersa nun acelerado proceso de extinción. Neste día avaliamos a situación e as consecuencias en Galiza.
A taxa actual de extinción de especies é de ducias e centos de veces maior que a media dos últimos 10 millóns de anos, e acelerando. Nas vindeiras décadas extinguirase 1 de cada 8 especies que viven arestora con nós no planeta. O panorama que deseña o recente informe do IPBES non pretende ser catastrofista, só amosar sen filtros unha realidade preocupante. As causas? Desgrazadamente todas de orixe antrópica: a destrución dos hábitats, a introducción de invasoras, os monocultivos, os agroquímicos...
Dende ADEGA queremos facer un repaso da situación da biodiversidade galega, considerando o estado as ferramentas para xestionala e garantir a súa conservación:
Galiza segue á cola en porcentaxe de superficie protexida, con apenas o 12% fronte á media estatal do 27%. As dúas ampliacións da Rede Natura 2000 prometidas, en 2008 (ao 18% polo bipartito) e 2012 (ao 15% polo PP) non se levaron a cabo, malia a estaren practicamente rematados os trámites administrativos. Nen sequera se atenderon os reiterados requerimentos da Comisión Europea relativos á necesidade de ampliar a representatividade de determinados hábitats sensíbeis: queirogais húmidos e turbeiras en 2004, e bosques aluviais e prados de sega, en 2006.
Estas áreas resultan ademais chaves para loitar contra a mudanza climática e o estrés hídrico, aumentando a resiliencia dos ecosistemas. Ningunha destas advertencias atopou resposta por parte da Xunta, que no camiño aprobou normativas sectoriais fortemente lesivas para a biodiversidade e a conservación dos hábitats naturais.
O agardado Plano Director da Rede Natura chegou con retraso e consolidou un excesivo abuso da discrecionalidade para introducir excepcións á carta e permitir actividades como piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, plantacións de eucaliptos..., mesmo, nas zonas de maior valor e sobre hábitats protexidos.
Tamén van con retraso, nalgúns casos de varios decenios, os instrumentos de xestión dos espazos protexidos (PRUX, Planos de Conservación) das demais figuras da rede galega. Estas áreas emblemáticas ficaron sen planificación e ao discrecional criterio dos servizos provinciais durante décadas, xusto no momento en que a crise climática facía máis urxente dispoñer de ferramentas e recursos para cando menos mitigar os impactos máis duros.
Orfas tamén de ferramentas de xestión actualizadas e eficaces están tamén as nosas especies protexidas e en particular, as máis vulnerábeis. Só 3 das 200 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado, malia a que a Xunta garda dende hai 10 anos varias ducias máis sen aprobar. E isto ten consecuencias: especies como o mazarico real ou o sisón esmorecen por falta de xestión e poden extinguirse en poucos anos como xa fixo o arao dos cons e a pita de monte.
A administración argumenta que estas ferramentas legais non son os únicos instrumentos para xestionar a nosa biodiversidade ameazada, certo. Mais os planos de conservación e recuperación son normas legais obrigatorias e públicas, regras de xogo claras publicadas DOGA con medidas concretas e orzamentos axeitados. Se están ausentes, só fica a improvisación, a discrecionalidade e con sorte a boa vontade dos responsábeis políticos para xestionar o patrimonio natural, e isto non é suficiente. Xa non abonda con afirmar "estar trabajando en ello" nun contexto de emerxencia ambiental como o actual. A sociedade ten que ser partícipe activa, coñecer as normas e a fraxilidade do recurso para poder valoralo e colaborar na súa recuperación.
Paralelamente á progresiva penetración da lexislación ambiental dende instancias internacionais (Directivas de Hábitats, de Aves, Marco da Auga, de Residuos, regulamento REACH, etc) até a lexislación estatal e galega, hai un movemento de reacción que pretende baleirar de contido ou deturpar os avanzos normativos acadados. No que atinxe á biodiversidade, xa comentamos a inxustificábel demora en desenvolver os instrumentos de xestión da Rede Natura, dos espazos e especies protexidas. Mais tamén aprobáronse normas sectoriais (Lei do Solo, de Costas, de Montes, Eólica, novo Plano Forestal...) e mesmo transversais (Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais) que contribuiron a precarizar a situación da nosa biodiversidade, favorecendo determinadas actividades que deterioran hábitats sensíbeis, degradan servizos ecosistémicos e reducen a biodiversidade.
Mesmo o proxecto de nova Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza, nestes intres en tramitación parlamentar, apenas agocha que pretende consolidar unha protección discrecional submetida aos intereses urbanísticos, mineiros e enerxéticos, adulterando e rebaixando a efectividade das medidas de conservación.
O texto do borrador dificulta a criazón de novos espazos protexidos, establecendo límites máximos para parques naturais e temporais para microrrservas. Non aborda a xestión das especies exóticas e invasoras dende unha perspectiva galega, nen establece medidas para frear a eucaliptización do país, dúas das ameazas máis importantes que arestora ten a nosa biodiversidade.
Diante deste panorama, semella que con respeito á biodiversidade galega, o papel da administración consiste en xestionar ordenadamente a súa extinción.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal