15-10-2013
O recente anuncio do "rexeitamento" do proxecto mineiro de Corcoesto, lonxe de significar unha volta atrás nos planos Xunta de entregar o país ás mineiras (o PSAEG segue en marcha, con máis "Corcoestos" dentro) evidencia a hipocrisía dunha administración que pedíu "solvencia financeira e técnica" a Edgewater mentres obviou os riscos ambientais e de saúde dun proxecto delirante. Cómpre lembrar que a Xunta deu o visto bó ambiental a Corcoesto, malia ás graves carencias da DIA e aos riscos de usar cianuro.
En ADEGA queremos advertir fronte a estes anuncios, sen mediar resolución expresa algunha, máis froito da presión social e as evidencias científicas das desfeitas que da responsabilidade de quen segue a tramitar o saqueo mineiro do país co PSAEG. En realidade, a Xunta só lle di ás mineiras que o noso ambiente e a nosa saúde véndense máis caras.
Mentres, ducias de proxectos en diversas fases de tramitación ameazan co mesmo modelo de minaría insustentábel de Corcoesto a moitas comarcas do país.
Mentres, a Xunta segue a tramitar un Plano Sectorial (PSAEG), para laminar os trámites e as garantías ambientais e legais que aínda protexen o territorio.
Mentres, a Xunta segue concedendo permisos mineiros, permisos dos que por certo desfruta Edgewater en Corcoesto por 90 anos (dende agosto de 1974 até agosto de 2064) e que pode "revender" a outra empresa meirande e con máis liquidez que desenvolva exactamente o mesmo proxecto... baixo outra marca.
Dende ADEGA advertimos: Mentres o actual marco normativo non peche a porta á megaminaría contaminante, vete o uso do cianuro, e antepoña o ambiente e a saúde das persoas ao beneficio das mineiras, ningún lugar estará a salvo doutro Corcoesto.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal