Inicio / Novas / ADEGA Nacional / SOGAMA gábase de ter un dos índices de reciclaxe...
09-11-2016
Logo de 8 anos de silencio SOGAMA vén de publicar (por imperativo legal, consonte a Lei 1/2016 de Transparencia) a súa memoria de actividade de 2015.
Dende 2008, e coincidindo coa chegada de Feijóo ao poder, as cifras de SOGAMA eran segredo de estado. Tan só datos espallados nos Planos de residuos e algún outro documento solto permitían á sociedade galega, accionista maioritaria da empresa (51% Xunta; 49% GN Fenosa), albiscar o que estaba a acontecer intramuros do complexo de Cerceda.
As cifras que amosa esta memoria de sustentabilidade de 2015 (accesíbel nesta LIGAZÓN, e só en español) explican a renuencia da Xunta a partillar esta información en público. Nese ano, o índice total de reciclaxe (toneladas recicladas/toneladas xestionadas) acadou o 0,0332. Isto é, SOGAMA só recicla 3,32 toneladas de cada 100 que recibe (3,32%), un dos índices máis baixos de Europa e tecnicamente equivalente a un vertedoiro. Chama tamén a atención que as cifras de reciclaxe no 2015 foran mesmo inferiores ás de 2014 (6,3%) e 2013 (3,4%): SOGAMA cada vez recicla menos!
Se comparamos estas ridículas cifras de reciclaxe coas que amosan os outros sistemas que en Galiza compiten en desvantaxe con SOGAMA, para o complexo de Nostián (Coruña e a Mancomunidade das Mariñas) a reciclaxe acada o 13,4%; e para a Mancomunidade Serra do Barbanza (Lousame) o 35,7%. Cómpre perguntármonos como é que a Xunta-SOGAMA vai cumprir cos obxectivos mínimos de reciclaxe que a UE fixa no 50% para 2020, se cada ano recicla menos!
Outras interesantes conclusións que podemos tirar da memoria que vén de publicar SOGAMA refírense aos postos de traballo que xenera unha instalación que "trata" o lixo do 94% dos concellos galegos. Cun custo anual de máis de 118 millóns de €, o persoal propio de SOGAMA ascende a 23 persoas, todas de perfil administrativo e técnico. E contando o emprego das empresas subcontratadas, hai outras 329 persoas que traballan no complexo, facendo un total de 352.
Considerando a cantidade de residuos xestionados por SOGAMA, o ratio de postos de traballo para 100.000 toneladas é de aproximadamente 43. Facendo o mesmo cálculo para a planta de compostaxe da Mancomunidade do Barbanza, que emprega a 150 persoas para tratar 34.000 toneladas/ano, a intensidade de xeración de traballo por cada 100.000 toneladas sería de 441. A compostaxe xenera unhas 10 veces máis postos de traballo que a incineración / vertido!
Nunha recente comunicación, a Comisión Europea vén de respostar a unha pregunta de Josu Juaristi (EH Bildu) apresentada a inciativa do BNG, confirmando que SOGAMA nen sequera valoriza enerxeticamente a metade dos residuos que recibe e incinera, tal como denunciamos os colectivos ecoloxistas galegos.
A CE argumenta que “a explotación das instalacións [incineradora] con níveis de eficiencia enerxética inferiores ao umbral está autorizada, pero debe considerarse que efectúan unha eliminación, e non unha valorización”. Se ben non é ilegal que SOGAMA incinere por debaixo dos níveis de eficiencia que marca a Directiva de residuos 2009/98/CE, o que fai non pode ser considerado valorización enerxética e si eliminación (último chanzo na xerarquía de tratamento).
SOGAMA manda directamente a vertedoiro o 26% dos residuos que recibe (datos da memoria de 2015), queimando o 74% restante, malia a publicitar –e cobrar- como valorización enerxética o que non é máis que outra forma de vertido.
A 4 anos de que a reciclaxe teña que acadar o mínimo do 50% fixado pola UE, a Xunta parabenízanse por ter chegado ao 3,3%. Cun modelo máis propio dos anos 70 do pasado século, SOGAMA segue engulindo enormes cantidades de recursos públicos inmune a toda lexislación e a toda lóxica. Que intereses hai derás deste enorme despropósito?
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal