Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A metade da poboación galega respira aire...
11-10-2016
A OMS ven de facer público un Mapa Mundial onde se resaltan as zonas dos países onde se exceden os limites fixados en materia de calidade do aire e ademais achega estimacións nacionais sobre exposición a contaminación do aire e as súas repercusións para a saúde.
Para a realización deste Mapa Mundial, a OMS elaborou un novo modelo de calidade do aire que ten en conta datos recollidos polos satélites, datos das estacións terrestres de milleiros de localidades rurais e urbanas e modelos de transporte da contaminación na atmosfera. Os datos reflicten que o 92% da poboación mundial vive en lugares onde os níveis de calidade do aire exceden os limites fixados en media anual pola OMS, e recoñece que “para que as persoas estean sans, deben respirar aire limpo, desde a primeira inhalación ate a última”.
Segundo este novo Mapa Mundial da OMS posibelmente a metade da poboación galega estaría respirando aire contaminado con partículas pequenas (PM2,5) con valores algo superiores aos “valores obxectivo” establecidos pola OMS, dándose o paradoxo que a gran maioría dos valores estarían dentro da lexislación vixente!
As 7 cidades importantes de Galiza e a súa área de influenza terían valores comprendidos entre 11 e 19 microgramos/metro cúbico de PM2,5 e algunhas superarían tamén os valores de 20 microgamos/metro cúbico para partículas PM10.
Máis da metade da Península Ibérica está tamén por riba dos 10 microgramos/metro cúbicos de PM2,5, en especial na metade sur e areas limitadas mais ao norte.
En Europa as zonas consideradas mais “limpas” segundo a OMS por estar por debaixo dos “valores obxectivo” serian: Escocia e norte de Inglaterra, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia e parte de Dinamarca. Mentres que pola contra as zonas mais contaminadas que superan amplamente e multiplican por dous ou tres o valor da OMS están en Italia en especial no norte, no este de Alemaña e na gran maioría dos países da zona oriental de Europa até Rusia.
Entre as principais fontes de contaminación do aire a OMS cita os modos ineficientes de transporte, as centrais eléctricas, as actividades industriais e a queima de combustíbel e residuos. Recoñece que existen solucións para a situación actual como un transporte sustentábel nas cidades, as enerxías renovábeis, a redución de emisións industriais, a utilización de combustibles limpos, intensificar a vixilancia da contaminación do aire a nivel local...
Os limites establecidos pola OMS como “valor obxectivo anual” para a protección da saúde para a contaminación de partículas son 10 microgramos por metro cúbico para partículas pequenas de diámetro aerodinámico de menos de 2,5 micrómetros (PM2,5), mentres que a lexislación vixente na UE ten dende o ano 2010 25 microgramos /metro cúbico de límite. Tan só no ano 2020 baixará a 20 microgramos duplicando aínda así o valor establecido hoxe pola OMS...
Para partículas de tamaño grande de diámetro 10 micrómetros (PM10) a OMS estableceu un máximo de 20 microgramos/metro cúbico mentres a lexislación vixente no Estado español e no conxunto da UE é o dobre, 40 microgramos/metro cúbico.
Sabendo que a contaminación por partículas inflúe, aumenta ou causa enfermidades cardiovasculares, accidentes cerebrovasculares, enfermidades crónicas e agudas das vías respiratorias e pulmón e chega a producir cancro de pulmón e mesmo recoñecendo a OMS un aumento de mortalidade por esta causa, a lexislación da UE é sumamente permisiva e contraria a rebaixar os limites legais establecidos que duplican os valores fixados pola OMS.
A Comisión Europea aínda fai poucos anos que regulou as partículas pequenas (PM2,5) ao consideralas moi prexudiciais para a saúde, e xa recoñece que a exposición a estas partículas reduce en 9 meses a esperanza de vida na Unión Europea.
A que esperará a UE para rebaixar o máximos permitidos hoxe? Poqué non aplica os valores marcados pola OMS? Que grandes intereses inflúen na UE para manter a situación actual coas graves consecuencias para a saúde e mesmo a economía e a vida social? Poqué o Estado Español ou Galiza, que contan con capacidade lexislativa, non poñen en práctica as recomendacións da OMS?
Ramón Varela Díaz, Doutor en Ciencias Biolóxicas e ex-presidente de ADEGA
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal