ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Xubia-Castro: outro espazo protexido estragado...

24-02-2015

Xubia-Castro: outro espazo protexido estragado polos eucaliptos

Fragas do Eume, Xistral, A Mariña, Careón, Macizo Central, Courel... os monocultivos de pirófitas, nomeadamente de eucalipto avanzan mesmo no interior destes espazos protexidos.
Malia á recente aprobación do Plano Director da RN2000, determinadas actividades que comprometen a conservación do patrimonio natural destes valiosos espazos, quer as talas de bosque e mato autóctono para substituilo por plantacións de eucaliptos, seguen a acontecer con case total impunidade.

O último caso, que non o derradeiro, vén de acontecer na ZEC (Zona de Especial Conservación) Xubia-Castro, nos concellos de San Sadurniño e As Somozas. Unha plantación de eucaliptos de 20 hectáreas dentro do espazo protexido vén de substituir a un bosque caducifolio de ladeira e ao bosque de ribeira do fondo do val, hábitat este último considerado de conservación prioritaria pola Directiva 92/43CEE.

Incumprimento do Plano Director da RN2000

Esta actividade incumpre diversas disposicións e contravén os obxectivos de conservación para os bosques e zonas húmidas continentais fixados no Plano Director da RN2000 aprobado polo Decreto 37/2014, en concreto os seguintes artigos:

Artigo 46. Bosques
    2. Obxectivos de conservación.
        b) Establecemento de medidas de control e erradicación de especies invasoras presentes nos hábitats boscosos, minimizando a súa presenza, tanto no interior das masas arborizadas como nos seus bordos.

   5. Actuacións que poden afectar de forma apreciable o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario.

    l) As novas introducións, plantacións ou sementeiras que poidan xerar unha afección apreciable sobre a integridade do espazo natural, sobre a estrutura, funcionamento e composición taxonómica dos ecosistemas naturais boscosos de interese comunitario ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.


Artigo 44. Zonas húmidas continentais
   5. Actuacións que poden afectar de forma apreciable o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario.

     j) As novas plantacións que poidan xerar unha afección significativa sobre a integridade do espazo natural, sobre a estrutura, funcionamento e composición taxonómica dos ecosistemas naturais costeiros ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, incluíndo especialmente a repoboación ou plantación de espécimes alóctonos con exemplares de Eucalyptus, Pinus, Pseudotsuga, Quercus rubra, etc.
 

Artigo 57. Usos forestais

   i) Considéranse usos prohibidos:
1º) As cortas a feito ou a matarrasa sobre formacións arborizadas naturais e, especialmente, sobre aquelas incluídas dentro do anexo I da Directiva 92/43/CEE.

Dende ADEGA esiximos da Xunta máis rigor e compromiso coa conservación destes espazos: trátase do millor da nosa biodiversidade, un patrimonio inmenso estragado para maior gloria das multinacionais pasteiras.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal