ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA denuncia na Comisión Europea as baterías...

17-02-2015

ADEGA denuncia na Comisión Europea as baterías tóxicas de Fenosa en Cabo Vilán

Produtos tóxicos en plena Rede Natura 2000 e sobre hábitats prioritarios

Malia a que Fenosa (aparentemente) renunciou á instalación das baterías experimentais tóxicas no Cabo Vilán, ADEGA vén de denunciar a actuación da Xunta diante da Comisión Europea. Como é posíbel eximir de estudo de impacto a este proxecto, en plena Rede Natura 2000 e sobre hábitats para os que a lexislación europea, estatal e galega fixa o máximo grao de protección?

O Cabo Vilán é unha contorna de alto valor ecolóxico que enriquece o patrimonio da biodiversidade de Europa, con moi boa representación de hábitats prioritarios e comunitarios, e a presenza de especies en perigo. Dentro dunha Zona de Especial Conservación (ZEC ES1110005) e unha Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA ES0000176) da Rede Natura 2000.

A eléctrica Gas Natural Fenosa pretendía construir dentro deste espazo unha planta experimental de almacenamento electroquímico de enerxía, mediante o uso da tecnoloxía coñecida coma "Fluxo Redox de Vanadio". Instalaría dous grandes tanques con substancias tóxicas e corrosivas, o sulfato de vanadio e o ácido sulfúrico. Este proxecto está vencellado a un parque eólico, o de Cabo Vilán, de importante impacto paisaxístico e danos a hábitats protexidos, que está sendo obxecto de repotenciamento para retirar aeroxeradores e minorar estes danos.

Unha tramitación ´express´ saltándose a lexislación europea, estatal e galega

Apesar da alta toxicidade das substancias empregadas neste proxecto "piloto" de acumulación da electricidade procedente das turbinas eólicas, do que se coñecen moi poucas experiencias para grandes almacenamentos enerxéticos a nivel mundial, e menos dentro de espazos naturais protexidos, a Xunta de Galiza decidíu non someter este proxecto ao procedemento de avaliación ambiental, ao considerar que “non é previsible” que “vaia producir efectos significativos”.

O ácido sulfúrico e o sulfato de vanadio son substancias químicas moi tóxicas, incluídas na Lei 21/2013, de 9 de decembro de avaliación ambiental dentro do grupo 5 (industria química, petroquímica, téxtil e papeleira), letra a) (instalacións para a produción a escala industrial de substancias mediante transformación química ou biolóxica, dos produtos ou grupos de produtos seguintes: 2º produtos químicos inorgánicos). Isto implica que os proxectos industriais que fagan uso destas substancias deben someterse ao proceso de avaliación ambiental ordinaria regulada no título II, capítulo II, sección 1ª da antedita lei. Isto implica tamén realizar obrigatoriamente os trámites de información pública e consultas, a análise técnica do expediente de impacto ambiental, e a declaración de impacto ambiental por parte do órgano substantivo.

Por outra banda, o Plano Director da Rede Natura 2000 de Galiza, aprobado polo Decreto 37/2014, constitúe o instrumento básico para a planificación, ordenamento e xestión das ZECs e ZEPAs, consonte ás directivas europeas DC 92/43/CEE -de Hábitats-, DC 2009/147/CE -de Aves-, DC 2000/60/CE -marco da Auga-), á normativa estatal (Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade) e galega (Lei 9/2001 de Conservación da Natureza). Pois ben, neste Plano Director determínanse os “usos autorizables” e aquelas outros actividades que son motivo de “exclusión”, en función da zonificación establecida. Todo o espazo do LIC e ZEPA “Costa da Morte”está considerado coma de moi alto e alto valor de conservación. Segundo as directrices deste Plano, este proxecto quedaría suxeito ao apartado 4, “exclusión de actividades”, no grupo 2.1, sobre modificacións de instalacións de parques eólicos que obrigatoriamente deben someterse a avaliación ambiental.

Como é posíbel pois que unha administración, através da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolva, obviando a lexislación europea (nomeadamente a Directiva de Hábitats), estatal (Lei de Avaliación Ambiental e Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade) e galega (Lei de Conservación da Natureza e Plano Director da RN2000), non aplicar estas normas e eximir a Fenosa dun trámite obrigatorio para o resto dos mortais?

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal