Adega
INICIO Últimas novas Parque eólico de cabo Vilán: a oportunidade de reparar un erro histórico
Parque eólico de cabo Vilán: a oportunidade de reparar un erro histórico PDF Imprimir Correo-e
Envia Parque eólico de cabo Vilán: a oportunidade de reparar un erro histórico a FaceBookEnvia Parque eólico de cabo Vilán: a oportunidade de reparar un erro histórico a Twitter
20 de maio de 2012. GN-Fenosa vén de apresentar o proxecto de repotenciamento do parque eólico de cabo Vilán. Este foi un dos primeiros parques eólicos instalados en Galiza a principios dos anos 90, sobre unha paisaxe única que hoxe é parte da Rede Natura 2000. Nas proximidades, unha ZEPA acolle especies ameazadas como o arao, o corvo mariño cristado e a gaivota tridáctila. Este parque é un exemplo do caótico e insustentábel desenvolvemento eólico perpetrado no país, que en cabo Vilán únese ás agresións da piscicultura industrial e ás especies invasoras. O repotenciamento é unha boa medida para diminuir os impactos dalgúns parques, mais neste caso propoñemos o seu desmantelamento, trasladando os megawatios repotenciados a outro parque, para deste xeito liberar cabo Vilán e reparar un erro histórico. Canto vale recuperar esta paisaxe?

Cando se construíu este parque, e durante o "boom" eólico de finais dos anos 90, todo valía con tal de producir electricidade. As eólicas invadiron valiosos espazos naturais con paisaxes, hábitats e especies únicas, coa complicidade dunha administración que só atendía á ilimitada cobiza do sector eléctrico. Daquela non había Rede Natura, nin Lei da Paisaxe, nin Lei Eólica, nin POL... Mais agora, estes instrumentos introducen certas garantías ambientais e limitacións para salvagardar un patrimonio que só temos en herdanza e que non debería enaxenarse, mercarse ou venderse.

O proxecto de GN-Fenosa propón substituir os 23 aeroxeradores instalados, cunha potencia conxunta de 3,9 Mw por 3 muíños e 4,2 Mw totais. A idea do repotenciamento persegue diminuir a densidade dos parques, reducindo o seu impacto paisaxístico e ambiental, mantendo ou incrementando lixeiramente a potencia instalada. No caso de cabo Vilán, dende ADEGA entendemos que despois de 25 anos, o que cómpre xa non é repotenciar senón desmantelar o parque, restaurando un agravio histórico. A empresa podería compensar os megawatios non repotenciados neste parque en calqueira outra instalación.

Ademais, acontece que para as obras de repotenciamento sería preciso ocupar con novas pistas e máis anchas, hábitats prioritarios dentro do LIC Costa da Morte. ADEGA lembra que, segundo o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CEE (de Hábitats) hai que xustificar as "razóns imperiosas de interese público de primeira orde" atendendo consideracións relativas á "saúde humana, seguridade pública ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio" do proxecto e demostrar que non pode ser viábel noutra ubicación e, no seu caso, elevar consulta á Comisión Europea.
Tamén resulta curioso que na memoria do proxecto, a empresa pretenda xustificar o repotenciamento (3 aeroxeradores) comparándoa coa situación actual (23 aeroxeradores). De non repotenciar, produciríase "Maior alteración de hábitats e fauna; maior afección á estrutura da paisaxe e non criazón de 78 postos de traballo" entre outros. Isto é: FENOSA recoñece indirectamente que os 23 aeroxeradores incrustados a principios dos 90 no corazón dun espazo único, alteraron os hábitats, a fauna e unha paisaxe única. Non pagou dabondo xa o noso patrimonio esta cara peaxe? Non amortizou a empresa suficientemente o seu investimento?

Tamén cómpre ter en conta que os parques eólicos non son concesións con prazos de reversión (caso das centrais hidroeléctricas), ou con prazos de renovación e caducidade (caso dos recursos mineiros das seccións C e D, ou das autovías). Trátase de autorizacións indefinidas porque o vento non é de dominio público aínda que tampouco é de ninguén, até que alguén se apropia del. Isto significa que non hai rescate, nen caducidade, nen vencemento da concesión: legalmente (salvo revisión da DIA en caso de impactos non previstos e moi ben documentados) só cabe a indemnización por lucro cesante.

Temos pois que en cabo Vilán, o parque eólico de GN-Fenosa pode estar aí para sempre: a empresa é dona do seu vento ad eternum. Só pola súa vontade ou por unha decisión valente da administración revisando a DIA ou indemnizando á empresa, poderiase liberar cabo Vilán dos muíños... Neste caso, hai alternativa: retirar os muíños e amortizar a potencia noutro parque. É o que propón ADEGA: unha solución xusta para a empresa e o ambiente. Que son 4,2 Mw a cambio de recuperar unha paisaxe única?

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA