ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Catro anos despois, Compostela volta a acoller...

22-01-2015

Catro anos despois, Compostela volta a acoller programas de compostaxe caseira

Hoxe retomamos os programas de compostaxe caseira co concello de Compostela despois de que ficaran suspendidos en 2011. Santiago foi a cidade pioneira en poñer en marcha estes programas de tratamento domiciliario dos residuos orgánicos. Dende o 2002 e en sucesivas quendas, repartíronse mais de cincocentos composteiros entre a veciñanza de Santiago e desta volta, incorpóranse 100 fogares máis, e unha área de compostaxe comunitaria nas hortas de Fontiñas. A xente que teña horta ou xardín e sexa residente en Compostela poderá solicitar no rexistro do concello o seu composteiro até o 16 de febreiro.

Este proxecto consiste nalgo máis que nun reparto de composteiros: é un programa de educación ambiental que visa unha mudanza de actitudes para conquerirmos unha diminución dos residuos producidos, unha millor separación en orixe e unha corresponsabilización na xestión da materia orgánica. O persoal de ADEGA impartirá un curso de formación á veciñanza participante e xirará 3 visitas casa por casa durante os sete primeiros meses, o tempo que tarda en transformarse os restos orgánicos en compost.

Logo de rematado este periodo de formación as persoas xa serán autónomas na xestión de residuos e o que é mais importante, incorporaron xa unha mudanza nos seus hábitos, separando correctamente as diferentes fraccións do lixo e a materia orgánica. Estes refugallos orgánicos, que supoñen aproximadamente a metade do lixo que xeramos, quedará na propia vivenda transformado en compost, un abono de calidade para as plantas ou horta.

Como compensación pola súa participación, asumindo nos seus domicilios unha parte da xestión dos residuos, s usuarios/as dos composteiros terán dereito a unha bonificación do50% na tarifa do lixo que deberán solicitar ao concello. É unha medida lóxica, xa que se a metade do lixo queda na vivenda, non é preciso recollela nin tratala mediante a xestión convencional, aforrando custos ao concello.

Con esta iniciativa pretendemos revertir a actual situación da xestión do lixo na Galiza, sobre a base de que o lixo orgánico é un valioso recurso que podemos aproveitar nos nosos fogares. Para ADEGA a educación ambiental e a implicación activa e a participación da cidadanía resulta chave para a resolución dos problemas ambientais, nomeadamente a cuestión do lixo.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal