ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Industria denega o proxecto de explotación da...

14-03-2014

Industria denega o proxecto de explotación da mina de Corcoesto, mais ducias de minas contaminantes son aínda posíbeis

Unha vitoria histórica da cidadanía en defensa da Terra

A resolución, que ten data de 11 de marzo, supón unha vitoria histórica da cidadanía galega na defensa dos seus dereiros ambientais e sociais, desta volta fronte a un modelo de explotación mineira agresivo e colonial.

Dende ADEGA queremos parabenizar a esta cidadanía comprometida e ás organizacións sociais que mantiveron a bandeira da dignidade da nosa terra fronte ao saqueo e a corrupción dos contaminadores e os seus valedores políticos.

Sen dúbida, sen a masiva resposta social fronte á megaminaría contaminante, hoxe este proxecto xa estaría furando as terras de Bergantiños e envelenando a vida e o ambiente. Grazas a todos/as.

Cal será o futuro do proxecto e os movementos de Edgewater?

O rexeitamento do proxecto de Corcoesto, malia a ser un importante revés para a multinacional mineira, non significa que vaia abandonar os seus planos para explotar o ouro galego (pretende facerse con 18 concesións), nen sequera nas concesións da mina de Corcoesto das que dispón até o 2064.

Edgewater pode apresentar outro proxecto que desta volta satisfaga as condicións "técnicas e económicas" causa da denegación do anterior. Cómpre lembrar que Hernández deu o "pasaporte ambiental" a esta explotación ao aprobar unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel e que as causas da denegación non foron ambientais ou de saúde, senón fundamentalmente económicas.

Porén, o rexeitamento do proxecto implica que o procedemento tería que retrotraerse ao momento inicial, xa que a DIA favorábel decaería co proxecto e xa non sería válida, e a empresa debería presentar de novo toda a documentación: Estudo de Impacto Ambiental, Proxecto de Explotación e Plano de Restauración.

Mais desta volta, a tramitación iría moito máis rápido: A recente lei de Industria, a nova lei do Solo, o Plano Director da Rede Natura, e sobre todo o Plano da Minaría (PSAEG) aínda en tramitación, farían que Edgewater teña garantido unha tramitación "express" para os seus novos proxectos baixo leis moito máis permisivas.

Ducias de Corcoestos son aínda posíbeis co Plano da Minaría da Xunta

O PSAEG (Plano Sectorial de Actividades Extractivas) é a ferramenta da Xunta para permitir a apertura de minas practicamente en calquera lugar do país. E compre lembrar que nestes intres segue en tramitación...

Feijóo e Hernández modificaron en 2010 a Lei do Solo 9/2002 para que minas e canteiras (anteriores á lei 9/2002) puideran continuar funcionando de contar con licenza municipal (todo tipo de chan rústico). De de non tela, podían tamén legalizarse se acreditaban seren anteriores á lei 9/2002 e estaban en chan rústico ordinario, de especial protección forestal ou de augas.

No chan rústico de especial protección de infraestruturas, costas, espazos naturais, protección paisaxística e histórico-patrimonial, as minas e canteiras, anteriores á lei 9/2002, podían tamén autorizarse polo Consello da Xunta. Porén, para abrir novas explotacións en solo especialmente protexido, precisábase ter aprobado un instrumento de planificación territorial ad hoc, isto é, un Plano da Minaría, o actual PSAEG.

Cando este plano estea aprobado, e tendo en conta as disposicións que o PP quere introducir na nova lei do Solo para permitir minas e canteiras no chan rústico, e o Plano Director da Rede Natura 2000 para permitilas tamén dentro destes espazos, nada impedirá a Edwater ou a calquera outra multinacional arramplar co noso ambiente para levar o ouro, litio, tántalio, etc...
Agás que a cidadanía volva demostrar, como ven de facer en Corcoesto, que o noso ambiente e a nosa saúde non está á venda!

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal