ADEGA esixe a caducidade da concesión e a demolición do encoro d'A Capela no Eume Imprimir
Envia ADEGA esixe a caducidade da concesión e a demolición do encoro d'A Capela no Eume a FaceBookEnvia ADEGA esixe a caducidade da concesión e a demolición do encoro d'A Capela no Eume a Twitter
Balsaseume27 de xuño de 2011. A desvergoña de ENDESA non ten límites: quere botar 50 anos de lamas tóxicas Eume abaixo! O proxecto de "Modernización de los desagües de fondo de la presa de Eume" (PDF 3,20 MB) é a "solución final" de ENDESA para despachar décadas de incumprimento dos caudais ecolóxicos o que provocou a seca de 3,4 km de río. Para eliminar os sedimentos (lamas ácidas con metais pesados da actividade mineira) acumulados no vaso do encoro a solución que propón ENDESA é... vertelos no Eume! ADEGA esixe da Xunta que obrigue á empresa a limpar o vaso do encoro retirando e depositando as lamas nun vertedoiro controlado para o seu tratamento, en troques de arrialas ao Eume. Asemade, e visto o reiterado incumprimento (50 anos) da lexislación ambiental, Hernández debería incoar un expediente para decretar a caducidade da concesión e obrigar a ENDESA a demoler o encoro en troques de querer lavarlle a cara á empresa.

Tal como acontecera coa macrobalsa ácida (o mal chamado lago d'As Pontes) no oco da antiga mina, ENDESA busca, coa complicidade da Xunta, resolver dun xeito rápido e barato (para a empresa, naturalmente) outro problema ambiental criado pola súa actividade. Por se non fora suficiente co macroproxecto do lago, feito para desentenderse canto antes da xestión do oco da mina e descargar nas arcas públicas a responsabilidade de xestionar a perpetuidade a balsa ácida máis grande do estado, agora pretende "socializar" o grave problema das lamas acumuladas no encoro d'A Capela, no Eume, mediante a "avanzada técnica" do "vertido controlado" ao río.
Para iso, ENDESA pretende primeiro desatascar unhas válvulas pechadas 50 anos pola manchea de sedimentos (lamas ácedas cunha alta carga de mateis pesados) que xerou a actividade mineira, para logo, remexer os "pousos" do vaso e vertelos á canle do río para se decantar en 4 balsas conectadas en serie.
Á vista da documentación do proxecto, trátase da solución máis rápida e barata (para ENDESA, por suposto). A outra sería dragar todo o vaso e depositar a totalidade dos sedimentos (que teñen a categoría de residuos perigosos) nunhas balsas estancas fóra da canle para o seu tratamento. Os impactos de verter millóns de metros cúbicos de augas ácidas cunha alta carga de metais pesados sobre o río, sobre o parque natural e sobre a ría de Pontedeume serían catastróficos. Aínda lebramos a tremenda mortalidade que ocasionou nos ríos Chamoselo, Trimaz e Eume as escorrentías ácidas das obras da autovía Ferrol-Vilalba, que durante meses ficaron practicamente esterilizados.
ADEGA esixe da Xunta non só que obrigue a ENDESA a cumprir coas súas responsabilidades ambientais e facerse cargo da adecuada xestión e tratamento das lamas acumuladas no vaso do encoro: despois de 50 anos de dereito de pernada sobre o EUME, a administración ten suficientes motivos para iniciar un expediente de caducidade da concesión do encoro d'A Capela por incumprimento da lexislación de augas e de pesca fluvial, e obrigar á empresa a demoler unha infraestrutura que secuestrou todo un río durante décadas.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com