Lagoa da Frouxeira: dende carreiras de quads a rozas de hábitats prioritarios |
![]() |
Consulta o
Dende a propia Consellería do Medio Rural veñen de recoñecer en sede parlamentaria que “non é a 1ª vez que a lagoa se deseca pola acción do home e que se seguirá facendo cando sexa necesario” apesar de non ser unha medida necesaria para a conservación do espazo protexido e sen a avaliación previa á que obriga a lei, saltándose impunemente a súa responsabilidade. A inacción do organismo responsable deste humidal amosa a incapacidade e neglixencia dos xestores da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tanto en relación coas arbitrarias aperturas da lagoa como coa pasividadeá hora de tomar decisións para paliar ou endereitar esta situación. A maiores, dende ADEGA vimos de denunciar os recentes desbroces indiscriminados realizados este mesmo mes sobre o sistema dunar e a vexetación palustre. As rozas danaron hábitats prioritarios como as dunas grises, breixais sobre dunas, a vexetación higrófila da lagoa e outros hábitats de interese europeo como dunas brancas e pasteiros salinos, incumprindo a Directiva de Hábitats e a lexislación estatal e galega de protección da biodiversidade. Estes desbroces poñen en perigo o estado de conservación das especies protexidas como a Omphalodes littoralis subsp. gallaecica ou o Antirhinum majus subsp linkianum, incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo a categoría “en perigo de extinción”. O seu deterioro ou destrución prohibido está totalmente prohibido, como indica recolle o Decreto 88/2007 (CGEA) que no seu artigo 10º di: “a inclusión dunha especie vexetal no catálogo implica a prohibición de destruilas, mutilalas, cortalas ou arrincar exemplares completos ou parte deles,..e en xeral a destrucción do seu hábitat”. A gravidade destes feitos vese incrementada ao observar que o desbroce que destrúe hábitats e especies protexidos respecta as especies alóctonas e invasoras!! Estes gravísimos feitos só veñen a confirmar o desleixo e a incompetencia de Costas e Medio Rural á hora de xestionar e conservar os nosos espazos protexidos, e supoñen un grave incumprimento da normativa estatal e comunitaria, así como dos acordos internacionais asinados polo estado español en relación á protección dos humidais (RAMSAR), que ADEGA continuará a denunciar.
|