ADEGA Cadernos

Artigos de Agroecoloxía. ADEGA Cadernos, artigos de investigación e revisión científico-técnica do eido ambiental, a ecoloxía e o desenvolvemento sustentábel

Prólogo: Garantir a soberanía e seguridade alimentaria

Lidia Senra

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx.5-6

As portas do século XXI, as grandes potencias exportadoras están impoñendo a través da Organización Mundial do Comercio (OMC) toda unha serie de políticas de liberalización para adaptarnos, di a propaganda oficial, a un sistema comercial multilateral máis libre nunha economía sen fronteiras. Pero o que realmente se esconde detrás deste argumento é aplicar políticas que permitan ás grandes transnacionais campar ás súas anchas nos mercados do planeta. Todo isto supuxo unha maior aceleración da industrialización do proceso de produción agraria, e as súas consecuencias son deslocalización da produción, invasión dos mercados polos produtos das grandes compañías transnacionais, perda de postos de traballo, graves consecuencias para o medio ambiente e uns produtos alimentarios de moi mala calidade e tremendamente inseguros. O escándalo das vacas tolas é un bo exemplo do perigosa que está sendo a alimentación xerada pola Política Agraria Común (PAC).

A agroecoloxía e agricultura convencional. A situación galega

Xosé Manuel Vilas, Lourenzo F. Prieto e Xabier Simón

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx.7-18

A agroecoloxía pódese definir como unha ciencia e conxunto de saberes que tenta resgardar o que hai de máis positivo da agronomía e asociar ao enfoque holístico dos principios da ecoloxía, e con énfase nos coñecementos locais dos labregos e na necesidade de xerar tecnoloxías compatíbeis e adaptábeis a os diversos agroecosistemas . Por outra banda, a agricultura convencional, ten unha claras bases técnico-económicas que dominan cada vez os espazos agrarios en todo o mundo. Un agroecosistema convencional tenta preservarse a través da substitución de insumos materiais e enerxéticos externos de carácter non renovábel por elementos estruturais e funcionais do ecosistema local, evidentemente esta substitución é funcional á circulación de mercadorías e acumulación de excedente que permite a reprodución do capitalismo avanzado e global.

Sistemas agrarios na Galiza

Fernando Malvar

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx.19-24

O gran auxe do ambientalismo na actualidade é, máis cá unha moda, unha necesidade palpable. Así no eido da agronomía existe a nivel mundial un crecente movemento que pula por unha agricultura de calidade. Este afán de ecocompatibilizar as prácticas agrícolas comezou nas zonas máis desenvolvidas do planeta por seren tamén as primeiras en sufrir as súas consecuencias. No caso de Galiza, a tardía incorporación ao capitalismo fai que nos topemos con moitos dos problemas da intensificación industrial do agro e con poucos dos seus beneficios. Desde aquí somos conscientes do nocivo que é para o medio o agro industrializado e tamén do pouco solidario cos demais que tamén queren producir. Para atallar o estudo agronómico que isto esixe, debémolo facer comezando por trocar o punto de vista científico desde a visión parcelaria e especializadora ata a integral e multidisciplinar. Faise pois, imprescindible a análise desde o enfoque sistémico, introducindo nel non só os factores de produción comercializables, senón tamén os ambientais e sociolóxicos.

Fertilización en agricultura ecolóxica

Fernando Malvar e Isabel Torres

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx.25-30

A fertilización debe entenderse como a necesidade de manter a potencialidade produtiva dun solo. O descubrimento do papel dos sales minerais na alimentación das plantas xunto co impulso comercializador e divulgativo feito polas industrias químicas levou a magnificar as funcións do N,P,K (NO₃, P₂O₅, K₂ O) nos cultivos. A partires de aí baseouse toda a fertilización na restitución das extraccións feitas polos cultivos ós solos, ignorando ou minimizando cousas tan importantes como a dinámica dos sales no solo, a bioloxía e o papel clave desenvolvido pola Materia Orgánica (MO). O humus, é o elemento distintivo entre un chan inerte e outro con vida. Constitúese na materia cimentante das partículas minerais, sendo o fundamento da estabilidade estrutural dos chans, estabilidade que dá a resistencia a ser erosionado. Tamén é destacable o aumento na retención de auga e o seu comportamento hidrófilo. Por último, temos que abandonar a idea de que en Galicia os chans teñen sobradamente MO e polo tanto quitarlle importancia ao humus. O capital na funcionalidade dun chan agrícola é a dinámica da MO xa que a destrución desta é a que a fai viable para o seu aproveitamento para os cultivos.

Manexo da cuberta vexetativa

Isabel Torres Jack

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx.31-40

Ao falar da cuberta vexetativa referímonos ás técnicas relacionadas coa agronomía dos cultivos, ademais do manexo da vexetación utilizada de xeito protector e técnicas relacionadas co uso de policultivos e rotacións. Aínda que sexa insistente consideramos importante incidir na ferramenta da biodiversidade para optimizar o manexo de recursos e pragas dun agroecosistema, co deseño e construción de “arquitecturas vexetais” que manteñan poboacións de inimigos naturais ou disuadan insectos pragas. Ao escoller un sistema de cultivo hai que ter en conta algunha consideración agronómica como a fotosíntese, a máxima produción e produtividade, os sistemas de cultivos estables…

A gandaría ecolóxica

Laura Touza

Caderno nº 4 - Agroecoloxía na Galiza

Páx.41-46

A gandaría ecolóxica é unha parte fundamental da agroecoloxía que procura a produción animal desde un sistema extensivo, no que os animais saen ao exterior para alimentarse e facer exercicio, manténdose unhas condicións de vida o máis acordes posibles coa súa natureza, respectando os ciclos biolóxicos e reprodutivos e seus hábitos alimenticios, sociais… tendo en conta que son animais domésticos afeitos aos coidados do home. Con este tipo de produción preténdese evitar a degradación do entorno e conseguir uns alimentos de orixe natural sans e de gran calidade, ademais de darlle unha vida digna ao animal. A cría de gando ecolóxico fundaméntase, basicamente, na selección de razas adaptadas, nun bo manexo en un eficaz coidado sanitario.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal