ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 16 - O cambio...

Xullo 2006

Caderno nº 16 - O cambio climático e Galiza

Artigos do Caderno nº 16

Presentación e resumo

Manuel Soto Castiñeira

Páx. 5 - 10

A magnitude e a velocidade coa que se está a dar o actual cambio climático excede calquera cambio climático de tipo natural que puidera ter lugar nos últimos milenios da historia da Terra. Este xa está a ter consecuencias importantes no medio ambiente, na saúde das persoas e na sociedade en xeral. Os autores deste caderno alertan do camiño e da evolución habida nos últimos anos en Galiza e en España, e salientan da necesidade dun rotundo cambio de dirección.Debátense tamén as medidas básicas para unha actuación galega contra o cambio climático e analízase en maior detalle o instrumento básico para o cumprimento do convenio de Quioto, consistente no novo mercado de dereitos de emisión. Entre as medidas de loita contra o cambio climático non se propón o recurso á enerxía nuclear.En definitiva “o cambio climático supón unha ameaza global que ten que redimensionar a escala a partir da que pensamos e actuamos no mundo”.

A emisión en Galiza de gases de efecto invernadoiro

Ramón Varela Díaz

Páx. 11 - 16

No artigo presente detállanse as emisións existentes en Galiza de gases de efecto invernadoiro posto que como todos sabemos hoxe en día o cambio climático está a nos afectar dun xeito importante. Destacamos pois que as emisións galegas representan o 11,10% do total do Estado español e están moi por riba do que significa Galiza a nivel de extensión territorial, número de habitantes, PIB... As centrais térmicas son grandes emisores de CO2 representando case a metade das emisións totais. Podemos observar neste documento a distribución das emisións galegas por sectores de xeito preciso.

Os efectos do cambio climático en Galiza

Francisco Díaz-Fierros Viqueira

Páx. 17 - 24

Cando se fala das predicións sobre os efectos do cambio climático débese ter moi en conta que se está a falar dun proceso que atinxe á dinámica meteorolóxica que, segundo sinala o último informe do Intergovernmental Panel on Climate Change (IPCC) (2001), corresponde “a un sistema acoplado, non lineal e caótico e que, polo mesmo a predición a longo prazo do futuro do clima non sería posíbel”.Hoxe está moi admitido que na percepción dos riscos pola poboación existen fondas diferenzas entre a medida estatística das probabilidades dun risco e a súa valoración e aceptación popular.Outro problema das predicións climáticas de cara á súa percepción e aceptación pola sociedade é o carácter fortemente variábel da evolución do clima, de tal xeito que dentro dunha mesma tendencia (p.e. dun incremento secular da temperatura) poden existir importantes períodos que semellan contradicila.As variacións máis significativas e importantes suceden no verán: as temperaturas incrementaranse entre 2.4 e 5.2ºC e as precipitacións diminuirán entre 19e 87 mm. A diminución prevista dos recursos hídricos dun 30-35% faríase sentir nos abastecemento de auga e na produción dos prados.

A loita contra o cambio climático en Galiza

Xosé Veiras García

Páx. 25 - 32

Galiza é parte do problema do cambio climático. O noso país contribúe de forma importante, en termos relativos, ao cambio climático inducido xa que as nosas emisións por habitante de gases de efecto invernadoiro (GEI) foron de 14,6 toneladas en 2004, estando entre as máis altas do Estado español e de Europa. A nosa terra tamén debe facer parte da solución, dos esforzos mundiais para atenuar e ralentizar o cambio climático. As accións precisas para previrmos un cambio climático catastrófico son igualmente necesarias por razóns de mellor a ambiental, xustiza social, eficiencia económica ou defensa da saúde pública. Galiza precisa dunha ambiciosa Estratexia fronte ao Cambio Climático que contribúa á aplicación do Protocolo de Quioto no conxunto do Estado español nos eu primeiro horizonte de aplicación, o 2008-2012. A actual Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático foi aprobada en marzo do ano 2005 polo Consello da Xunta sen diálogo e sen participación social, e non fixa nin obxectivos cuantitativos de diminución das emisións por sectores nin prazos.

O novo mercado europeo de dereitos de emisión e os seus efectos en Galiza

Miguel Rodríguez Méndez

Páx. 33 - 40

O novo mercado europeo de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) representa na actualidade o principal instrumento da política comunitaria contra o cambio climático.A súa creación é o resultado da ratificación do protocolo de Quioto pola Comisión Europea e os estados membros. O devandito protocolo establece o compromiso dos países industrializados para reducir as súas emisións de GEI no período 2008-2012 nun 5% a respecto das emisións realizadas en 1990, aínda que a distribución de esforzos non é uniforme. Así, por exemplo, establécese un esforzo de redución das emisións europeas do -8%, mentres que USA debería facelo nun -7% e Australia podería incrementar as súas emisións nun +8% durante o mesmo período.Os mercados de dereitos sobre bens públicos, xa sexan estes para a emisión de GEI ou ben cotas individuais de pesca, representan unha alternativa aos impostos ambientais, aínda que ambos instrumentos están baseados nos mesmos fundamentos económicos de mercado. As políticas “tradicionais” baseadas nun enfoque “mandato e control”, porén, non nos poden garantir que os obxectivos da política ambiental sexan acadados co mínimo custo para a sociedade. Existe pois un problema intrínseco das políticas“mandato e control” é que xeralmente non introducen incentivos para que empresas e fogares reduzan as súas emisións máis alá do límite establecido polo regulador.

A xestión dos residuos biodegradábeis e o cambio climático

Marta Domínguez

Páx. 41 - 52

A concentración dos gases de efecto invernadoiro estase a incrementar na atmosfera debido á actividade humana, podendo dar lugar nas vindeiras décadas ao quecemento significativo da superficie terrestre e a outros cambios no clima. Os gases de efecto invernadoiro que están a causar maior quecemento global son o dióxido de carbono (CO2), o metano (CH4) e o dióxido de nitróxeno (NO2). Estes tres gases prodúcense, ademais de por outras causas, nas actividades de tratamento e eliminación dos residuos, actividades que tamén dan lugar a unha ampla variedade de impactos ambientais. Os efectos sobre o ambiente que poden producir as diferentes opcións de tratamento de residuos. O impacto do tratamento dos residuos en relación coa emisión de gases de efecto invernadoiro provén principalmente do CH4 liberado polos residuos biodegradábeis baixo condicións de anaerobiose nos vertedoiros. Estímase que os vertedoiros liberan máis do 30% das emisións antropoxénicas de CH4 en Europa. Pola contra, tan só un 1% das emisións de N2O e menos do 0.5% das emisións de CO2 están asociados á eliminación de residuos en vertedoiro. Por outra banda, ha de terse en conta que o efecto potencial de 1 t de metano equivale ao de 21 t de CO2.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal