ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 18 - Lodos de...

decembro de 2008

Caderno nº 18 - Lodos de depuración

Artigos do Caderno nº 18

Riscos ambientais e posibilidades dunha xestión sustentábel de lodos

Manuel Soto e Belén Rodríguez

Páx. 5 – 18

Os lodos de depuración son os lodos que resultan do tratamento das augas residuais nas estacións de depuración. Son de orixe animal, humano ou industrial e polo tanto ás veces conteñen substancias que poden afectar á saúde humana e ambiental. A estimación da cantidade de lodos xerados anualmente en Galiza está en torno as 75,000 t m.s (materia seca). Neste artigo, Manuel Soto e Belén Rodríguez analizan a composición destes lodos e dos seus posibles riscos para a saúde. Tamén dan conta do malestar veciñal polo vertido destes lodos á terra e a necesidade dunha planificación á hora de xestionalos.Os autores propoñen unha xestión sustentábel dos lodos, reducindo a súa cantidade e o nivel de contaminantes atopados neles a través de diferentes tecnoloxías como son a dixestión anaerobia, a depuración de augas residuais con baixa xeración de lodo ou a redución en orixe da carga química dos lodos. Tamén se ten en conta a compostaxe como unha forma de acondicionar os lodos para o seu uso agrícola.

Xeración de lodos e alternativas de xestión

Xosé Antonio González Ferreira

Páx. 19 – 38

Xosé Antonio González Ferreira é enxeñeiro agrónomo e enxeñeiro técnico industrial, neste artigo explícanos o proceso polo que pasa o lodo dende a súa formación pasando polas diferentes formas de tratalo ata os seus posibles usos finais. Lendo o artigo saberemos cal é a orixe dos lodos e se o modelo de saneamento das augas residuais é economicamente sustentábel. Tamén descubriremos as fases ás que se someten as augas residuais durante o proceso de tratamento dos lodos e para que usos poden ser aproveitables despois do seu tratamento e control. Para ilustrar todo isto o autor expón como exemplo algunhas plantas de xestión de lodos que se dan en diferentes comarcas españolas.Para rematar, aposta pola compostaxe de lodos como unha alternativa necesaria e expón unha serie de criterios a ter en conta para a futura xestión de lodos en Galiza.

Aspectos tecnolóxicos da compostaxe de lamas de depuradora

Carlos Pérez Losada

Páx. 39 – 50

O secado térmico e a compostaxe son a día de hoxe as dúas tecnoloxías que están competindo como alternativas para o tratamento das lamas de depuración procedentes, tanto de augas de orixe urbano, como de orixe industrial. O secado térmico presenta custes de instalación e operación prohibitivos, agás que as plantas desecado sexan concibidas como plantas de coxeración de enerxía eléctrica.Poren, esta alternativa está sendo moi cuestionada, pois na práctica encobren o uso de combustíbeis fósiles cun baixo rendemento enerxético neto, por máis que economicamente teñan sido moi favorecidas polo marco normativo que ten subvencionado as denominadas prácticas de coxeración. Contrariamente, a compostaxe das lamas presenta un custe reducido, aínda que variábel en función do tipo de tecnoloxía elixida. Outra vantaxe comparativa da compostaxe fronte ao secado é que a primeira estabiliza o produto, desde o punto de vista do seu consumo de osíxeno(biodegradabilidade, fermentación e putrefacción), mentres que o secado en absoluto o estabiliza. De feito o único que fai o secado térmico e reducirlle masa (pola perda de humidade) e, por dicilo dun xeito popular, “poñelo en conserva”. En efecto, a súa materia orgánica final é exactamente a mesma que a inicial, pero desprovista dunha humidade que a fai corrompíbel. Unha vez que se lle torne a dotar de humidade o produto evoluciona exactamente igual que o faría antes de ter sido secado.

Valorización agronómica de lodos

Mercedes Fra

Páx. 51 – 54

A Directiva 91/271 da UE sobre saneamento e depuración de augas residuais obriga ás aglomeracións urbanas a recoller as súas augas en estacións depuradoras, a tratar adecuadamente os seus residuos. Isto produce unha gran cantidade de lodos de depuración que precisan ser xestionados da forma máis respectuosa co medio ambiente.O Plano Nacional de Lodos de Depuradoras de Augas Residuais (2001 – 2006) recomenda 3 formas de xestionalas: A valorización agronómica, a incineración e o depósito en vertedoiro.Neste artigo Mercedes Fra fálanos sobre as vantaxes ambientais e de produtividade da utilización dos lodos para a valorización agronómica fronte as outras dúas alternativas. Pon como exemplo de xestión dos lodos á empresa AGROAMB da que é membro e que destina boa parte dos seus recursos á I+D para seguir mellorando.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal