ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Comeza o programa "O lixo desde o teu...

Do 09-01-2015 ao 12-02-2015

Comeza o programa "O lixo desde o teu concello"

Comeza un ano máis o proxecto “O lixo desde o teu concello” na Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza. Durante todo o ano ADEGA impartirá charlas e obradoiros en todos os concellos desta Mancomunidade que xestiona os seus residuos de xeito ecolóxico.

A xestión dos residuos é un problema ambiental de ámbito mundial, que se pode (e se debe) tratar dende o ámbito local. En Galiza a maioría dos concellos dependen de Sogama para a xestión dos seus refugallos. Un sistema  obsoleto que promove un gasto excesivo de CO2 para o transporte do lixo ata a planta incineradora, así como unhas altísimas taxas de contaminación por metais pesados e dioxinas xeradas na queima de grande parte dos residuos, ademais da contaminación que provoca o macrovertedoiro.

Unha das maneiras de xestionar os residuos dun xeito sostible, moi extendida en países do norte de Europa e do estado é a desenvolvida por mancomunidades (ou agrupacións) de concellos, que centralizan a xestión en pequenas plantas, promovendo a  separación, a reciclaxe e a compostaxe. Xerando ademais  emprego local alí onde se localizan. En Galiza un exemplo é a  Planta da Mancomunidade "Serra do Barbanza", na cal se xestionan os residuos dos concellos que forman parte da Mancomunidade.

Ames, Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois forman parte desta Mancomunidade que xestiona o lixo dos concellos centralizando o transporte, a separación, a reciclaxe e a reutilización. Na planta situada en  Lousame a materia orgánica xerada nestes concellos transformase en compost. Un abono natural que serve para utilizalo na agricultura.





Este sistema de tratamento do lixo necesita dunha cidadanía concienciada. Veciños e veciñas que coñezan a importancia da separación en orixe e que practiquen condutas proambientais para a  redución, reutilización  e reciclaxe. É por iso que a Mancomunidade conta cun programa de concienciación e educación ambiental chamado “O lixo desde o teu Concello”. Está dirixido a toda a cidadanía destes nove concellos para fomentar o coñecemento da problemática dos residuos e fomentar boas prácticas que manteñan un bo funcionamento da planta de separación e compostaxe. ADEGA desenvolve este programa de actividades e obradoiros dende o 2004.

Os obradoiros teñen diferentes temáticas ambientais centradas nos residuos (construción de composteiros, reutilización do lixo, auditorías de residuos, reciclaxe de papel…). Constan dunha parte teórica e outra práctica,  e ofrécense de maneira gratuíta a asociacións, concellos, casas de cultura, centros de ensino, etc.

A programación esténdese durante todo 2015. Se eres veciña ou veciño destes concellos e estás interesad@ en recibir algún destes obradoiros ponte en contacto con nós (981 57 00 99 - lucia@adega.gal)

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal