ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / 10 Razóns polas que se debe impedir o Parque...

15-08-2019

10 Razóns polas que se debe impedir o Parque Eólico Serra do Oribio

Onte, 14 de agosto, saía publicada no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 4 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta, do 27 de xuño, polo que se aproba a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, así como das disposicións normativas no mencionado proxecto. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) manifestan a súa vontade de interpoñer os recursos que procedan contra esta resolución, así como loitar a través de todos os cauces legais dispoñibles para frear este proxecto eólico que atenta contra un dos espazos naturais protexidos máis relevantes do país. A continuación, indicamos 10 RAZÓNS polas que se debe esixir a paralización inmediata das obras de execución do Parque Eólico Serra do Oribio e a anulación do proxecto:

1.Os novos parques eólicos están prohibidos en Rede Natura.- O parque eólico Serra do Oribio é de nova construción e preténdese instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel (ES 1120001), polo que a súa execución vulneraría toda a normativa que prohibe a construción de novos parques eólicos en Rede Natura. Esta disposición está recollida xa na Lei galega de aproveitamento eólico de 2009, e no Plan Director da Rede Natura aprobado en 2014. 

2. A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto é fraudulenta e obsoleta.- A DIA do proxecto eólico Serra do Oribio que se pretende facer valer a día de hoxe foi concibida hai 14 anos e tramitada saltándose varios procedementos legais, sendo finalmente aprobada polo último goberno de Fraga Iribarne en funcións, un día despois do nomeamento do novo Executivo. Dita declaración non tivo en conta a localización do parque eólico nun espazo natural protexido da Rede Natura, daquela Lugar de Interese Comunitario, nin tampouco realizou unha avaliación adecuada das especies e hábitats de interese comunitario presentes no lugar e que se poderían ver drasticamente afectadas polas instalacións eólicas. 

3. Póñense en risco especies en Perigo de Extinción, como o Oso Pardo ou a Aguia Real e outras especies en acusado declive.- A falta dunha adecuada avaliación de impacto ambiental do proxecto deixa fóra de protección numerosos hábitats e especies de interese comunitario que se atopan na zona, e que forman parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, algunhas delas En Perigo de Extinción, como o Oso Pardo (Ursus arctos) ou a Aguia Real (Aquila chrysaetos). NIngunha das dúas especies se menciona na Declaración de Impacto Ambiental do parque eólico, malia a estaren consideradas internacionalmente de elevado valor ambiental e de interese prioritario para a UE. No caso do Oso Pardo, o parque eólico Serra do Oribio implicaría a destrución do seu hábitat, nunha zona que a revisión do Plan do Oso Pardo en Galiza considera área de distribución potencial da especie e de interese para a conservación da mesma. Ademais, a Unión Europea está a destinar fondos para a conservación do Oso Pardo nesta área, a través do proxecto Life Oso-Pardo. Malia a todo, tampouco a potencial afección ao Oso Pardo aparece recollida na modificación do proxecto definitivo. Igualmente a implantación do parque eliminará o principal hábitat de cría na ZEC Ancares-Courel da Tartaraña Cincenta (Circus pygargus) e a Gatafornela (Circus cyaneus), dúas especies ameazadas que no momento actual sofren un acusado declive das súas poboacións a nivel global.

4. Non se avaliaron os impactos acumulativos e sinérxicos do proxecto eólico no seu conxunto.- O proxecto eólico foi fragmentado interesadamente en diferentes expedientes administrativos (poligonal do parque, liña de alta tensión e accesos) para ocultar a súa interconexión procedemental, co gallo de eludir a avaliación de impacto ambiental, social e cultural no seu conxunto. Tampouco na modificación do proxecto se realiza a avaliación dos efectos sinérxicos e acumulativos do proxecto, incumprindo a Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental. De feito, a Xunta autorizou a Liña de Alta Tensión do parque eólico Serra do Oribio 132 kV o pasado mes de marzo, de forma independente e previa á aprobación do proxecto definitivo do parque eólico, sen ter en consideración nin os efectos acumulativos, nin a orde lóxica de aprobación dos proxectos. 

5. O cambio de trazado dos accesos ao parque carece de autorización e foi ocultado do trámite de modificación do proxecto sectorial.- Non existe a máis mínima referencia a un cambio do trazado dos accesos ao parque eólico do Iribio en todo o expediente de tramitación da modificación do proxecto sectorial, aínda que a empresa Fergo Galicia Vento S.L. xa está a executar desde o mes de maio unhas obras de acceso ao parque que non están amparadas nin contempladas na modificación do proxecto sectorial e que difiren do trazado previsto para tal efecto. Coa omisión deste cambio, a empresa podería estar intentando eludir a obriga de someter a exposición pública a modificación do proxecto sectorial. Ao non incorporarse este cambio no expediente de modificación do parque eólico, as demais modificacións propostas foron consideradas non substanciais, o que alixeirou o  procedemento. Consecuentemente, as obras dos accesos agora en execución carecen da debida avaliación ambiental e da autorización dos organismos competentes na protección do patrimonio natural e cultural, malia a afectar a un espazo de Rede Natura e ao BIC do Camiño Francés a Santiago.

6. Un inasumible impacto paisaxístico e sobre o BIC do Camiño Francés.- A altura dos postes dos muíños eólicos previstos na modificación definitiva do proxecto será de 152 metros, cunhas pás un 20% máis longas que as anteriores, no cumio dunha serra que se sitúa a unha altitulde de 1.477 m. O impacto visual do parque eólico será evidente e perceptible a varios quilómetros ao redor e, nomeadamente, sobre o territorio histórico do Camiño de Santiago Francés, a pouco máis dun quilómetro do parque. Como insulto á intelixencia colectiva, o proxecto aprobado contempla como medida correctora o pintado dos aeroxeradores con motivos xacobeos. Por outro lado, semella incongruente que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural obvie o impacto visual dos muíños eólicos sobre o Camiño de Santiago, cando, ao mesmo tempo, obriga a soterrar parcialmente a liña de alta tensión debido a dito impacto.

7. A destrución dun Camiño Real e do patrimonio arqueolóxico.- As obras do parque eólico e dos accesos, iniciadas irregularmente pola empresa, xa destruíron parte do antigo Camiño Real e de Arrieiros que discorre polo cumio do Iribio e que conectaba Galiza coa Meseta. Curiosamente, o proxecto designa este camiño histórico como a vía principal de servizos do parque eólico, o que implicará a realización de desmontes, terrapléns ou ancheamentos para o transporte  e servizo das instalacións eólicas. O parque eólico pon en risco tamén outros bens patrimoniais vinculados ao Camiño Real, como son varios puntos de Ventas (Venta do Retorno, Venta das Brañas..), o Portádego do Iribio, ou antigo lugar de dereito de paso pola Serra, e outros elementos de interese patrimonial que se atopan a carón da vía como son mámoas ou antigos neveiros.

8. A declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e do Courel é incompatible co novo parque eólico.- Tan só 5 días antes de publicarse a resolución da aprobación do proxecto eólico definitivo Serra do Oribio nun espazo da Rede Natura 2000, a Xunta lanzaba a exposición pública, sen ningún tipo de reparo ou vergoña, a proposta para a declaración da “Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel”. Desde ADEGA e a SGO consideramos que o proxecto eólico Serra do Oribio é absolutamente incompatible coa declaración desta Reserva da Biosfera, por ir en contra do principio fundamental no que se sostén tal recoñecemento outorgado pola UNESCO: “a harmonía da conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social, a través da relación das persoas coa natureza”. O parque eólico Serra do Oribio, non só non é harmónico coa conservación da natureza e do patrimonio cultural, senón que, como xa indicamos, vai en contra da súa preservación. Ao tempo, consideramos que a Reserva da Biosfera debera servir para reforzar a importancia dos valores ambientais e culturais da zona e para promover formas de desenvolvemento económico sostibles e compatibles coa preservación do espazo.

9. A empresa comezou as obras do parque eólico sen a autorización da Xunta e sen a licenza municipal.- Tanto as obras do parque eólico no cumio da serra como as dos camiños de acceso ao parque tiveron que ser paralizadas cautelarmente pola Xunta e polo Concello de Samos, ben por iniciarse sen as autorizacións preceptivas, ou ben por incumprir os condicionantes de execución. Estas obras terían destruído xa grande parte do espazo natural protexido e do territorio histórico do BIC Camiño de Santiago Francés se non fose pola denuncia efectuada por entidades sociais como ADEGA, a SGO, a Fundación Oso Pardo e outros colectivos locais, como a Asociación sociocultural do Iribio. Lamentablemente, daquela, as escavadoras e buldózers de Fergo Galicia Vento xa tiñan destruído parte do Camiño Real, un antigo neveiro, e eliminado parte de hábitats protexidos, alén de ter alterado de forma considerable os tradicionais camiños de acceso ao monte desde Airapdrón. Pero, no canto de castigar a empresa pola súa intervención infractora neste espazo protexido, manter as debidas cautelas e obrigala a reparar os danos, a Xunta favorécelle o indulto obsequiándoa coa aprobación acelerada do proxecto eólico definitivo.

10. Opacidade na tramitación da modificación do proxecto e atrancos no acceso á información pública.- A Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellaría de Industria, órgano substantivo na tramitación do expediente de modificación do proxecto eólico, remitiu copia de dito expediente a ADEGA tan só 5 días antes da súa publicación no DOG, e case 8 meses despois de ter sido solicitada. Durante este período, a Consellaría de Industria impediu a ADEGA acceder ao expediente e a admitila como parte interesada no procedemento, ao tempo que lle outorgaba á empresa o dereito de presentar recurso contra a resolución favorable de acceso a dita información. Paralelamente, tanto este departamento, como a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta eludiron responder a todas as denuncias presentadas por ADEGA ou pola SGO contra as obras que se estaban a executar ilicitamente por parte da empresa na Serra do Iribio.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal