ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA alerta sobre o uso masivo de lamas de...

28-11-2014

ADEGA alerta sobre o uso masivo de lamas de depuradora en agricultura sen as debidas garantías

As lamas de depuradora, de enmenda orgánica a vertido

Vertido de lamas nas Somozas

Nunha manchea de concellos e parcelas do país a Xunta autorizou o uso de lamas de depuradora como fertilizante. Esta práctica, realizada sen os debidos controis nen garantías, pode virar na contaminación difusa de terras e augas.

A necesidade de dar saída á inxente cantidade de lamas e residuos orgánicos que xeran depuradoras de augas resisuais (EDAR) e outras actividades, fai que estean sendo usadas como fertilizante en moitas parcelas e explotacións do país.

Mais como xa ten denunciado ADEGA no caso dos tecnosolos (solos artificiais feitos a base de residuos) unha incorrecta xestión e o seu uso indiscriminado pode causar graves problemas de contaminación por metais pesados, hidrocarburos e mesmo patóxenos.

O uso destas lamas como enmenda orgánica en agricultura, alí onde se precise, non debería convertirse nunha simples vertedura, co obxecto de desfacerse dun residuo cuxo correcto tratamento xera custos e outros problemas de xestión aos concellos.

Boas prácticas para evitar problemas ambientais e de saúde

Dende as administracións (Xunta e concellos) deberiase difundir entre labregos/as e gandeiros/a información sobre as boas prácticas e o correcto uso das lamas en agricultura. Existen unha serie de recomendacións e obrigas legais cuxo incumprimento, aliás de derivar en riscos para a saúde e o ambiente, pode ser causa de retirada das axudas da PAC aos beneficiarios que as incumpran. Estas obrigas (Directiva 86/278/CEE) son:

1. Coñecer as características do solo da explotación para saber se é susceptíbel ou non de recibir lamas. Cómpre, portanto, saber a cantidade de metais pesados so solo, de materia orgánica, nitróxeno, fósforo e o seu pH, como mínimo.
2. Empregar exclusivamente lamas previamente tratadas por vía biolóxica, química ou térmica, co obxectivo de reducir o seu poder fermentativo e os inconvintes sanitarios, e cunha concentración de metais pesados por baixo dos límites legais.
3. Respectar as cantidades máximas anuais de lamas que se poden aplicar ao solo en función das súas características.
4. Respectar os periodos e os cultivos nos que se proíbe a aplicación de lamas tratadas.
5. Conservar e facilitar á administración (tamén ao concello) a documentación expedida polo titular da entidade xestora da que procedan as lamas, que debe incluir información sobre o tratamento e a composición das lamas (materia seca, materia orgánica, pH, nitróxeno, fósforo e metais pesados (Cadmio (Cd), Cobre (Cu), Níquel (Ni), Chumbo (Pb), Zinc (Zn), Mercurio (Hg) e Cromo (Cr).
6. Está proibido empregar lamas en pradarías ou pasteiros que poidan ser aproveitados directamente polo gando, dentro das 3 semanas previas á data da entrada deste.
7. Está proibido usar lamas en cultivo hortícolas e froitícolas non leñosos, durante o seu ciclo vexetativo, ou durante os 10 meses previos á colleita destes en caso de cultivos hortícolas e froitícolas cuxas partes váisnse a comercializar ou consumir en fresco e estén directamente en contacto co chan

Lexislación europea, estatal e galega

Lamas autorizadas en agricultura

No ámeto europeoDirectiva 86/278/CEE, de 12 de xuño, relativa á protección do medio ambiente e, en particular, dos solos, na utilización das lamas con fins agrícolas (DOCE nº  L 181 de 4 de xullo de 1986), regulamenta as condicións en que as lamas de depuradora poden ser aplicadas aos solos agrícolas evitando posíbeis efectos nocivos nos solos, as augas, a vexetación, os animais e o ser humano e promovendo a súa correcta utilización. En concreto, fixa valores límite de concentración de metais pesados no solo e nas lamas, e proíbe a aplicación de lamas de depuradora cando a concentración de certas substancias no solo supere determinados valores.

Esta Directiva foi transposta ao Estado polo Real Decreto 1310/1990, de 29 de outubro, que regulamenta a utilización das lamas de depuración (BOE nº 262, de 1 de novembro), desenvolvido posteriormente pola Orde de 26 de outubro de 1993 sobre utilización das lamas de depuración no sector agrario (BOE nº 265, de 5 de novembro) e pola Orde AAA/1072/2013, de 7 de xuño, sobre utilización de lamas de depuración no sector agrario (BOE nº 142 de 14 de xuño), que derroga a anterior a partires do15 de xuño de 2013.

Na Galiza, a utilización de lamas de depuradora no sector agrario está regulamentada polo Decreto 125/2012, do 10 de maio, polo que se regula a utilización de lamas de depuradora no ámbito do sector agrario na Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo esta norma, unicamente poderán empregarse para uso agrario as lamas incluídas nesta táboa, tal e como establece o Decreto 125/2012.

Máis control e responsabilidade por parte dos concellos e Xunta

As lamas de depuradora que vaian ser utilizadas para aplicación en solos agrarios sempre deberán ser sometidas a un tratamento previo por vía biolóxica, química ou térmica, de forma que se reduza de maneira significativa a súa biodegradabilidade e o seu potencial para causar molestias e danos para a saúde e o ambiente.

Os tratamentos que se lle dean ás lamas de depuradora deberán realizarse mediante algún dos procedementos recollidos no anexo II do Decreto 125/2012, do 10 de maio (compostaxe, dixestión anaerobia, estabilización con cal, secado térmico, etc.). A Xunta sebería ser máis estrita na verificación destes estremos e no control das empresas que os distribúen, algunhas das cais arrastran sancións e multas por malas prácticas.

Por outra banda, os concellos deberíanse preocupar máis de informar aos titulares das terras sobre o uso correcto e as condicións mínimas esixíbeis para a aplicación das lamas en agricultura, aliás de solicitar a documentación precisa ás empresas que van aplicar estas enmendas.
O obxectivo é reducir significativamente o abuso e as malas prácticas, causadas pola necesidade de desfacerse dun residuo que mal aplicado pode derivar nun risco para a saúde e o ambiente.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal