ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A caza obriga a suspender unha actividade de...

02-02-2020

A caza obriga a suspender unha actividade de educación ambiental de ADEGA Vigo no Couto da Eirexiña

#StopCaza


O pasado día 1 de febreiro, durante a realización dunha xornada de restauración ambiental no proxecto de custodia do territorio do Couto da Eirexiña, ADEGA Vigo tivo que suspender unha actividade de educación ambiental por mor da realización dunha batida na zona a interpretar.

Despois de realizar durante a mañá actividades de repoboación con árbores autóctonas e de deseucaliptización, seguido dun xantar comunitario, estaba programada unha actividade de posta en valor dun sistema de charcas en custodia nos montes de Rebordelo. Esta actividade, encadrada dentro do día mundial das zonas húmidas, consistía nun estudo de biodiversidade das devanditas charcas co fin de salientar a enorme importancia ecolóxica destes ecosistemas nos montes atlánticos.

Finalmente, pola realización dunha batida tivemos que suspender esta última actividade, xa que de súpeto, máis de 40 persoas estabamos rodeadas pola práctica dunha actividade cinexética que puña en risco as nosas vidas, amosando unha vez máis a impunidade da caza como actividade hexemónica nos montes galegos.

A actividade cinexética, o incumprimento da lei e o desleixo da Xunta pola natureza

A batida que interrompeu a actividade de voluntariado e de educación ambiental de ADEGA Vigo nos montes de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade), e cuxo obxectivo era abater ao xabaril, incumpriu con varios puntos da Lei 13/2013 do 23 de decembro de caza de Galicia.

O punto de incumprimento máis grave da lei polo responsable da batida, xa que puxo en perigo ás voluntarias presentes na actividade, foi a realización desta cacería nun día de intenso neboeiro cunha visibilidade menor a 250 metros, cuxa práctica queda prohibida atendendo ao punto c) do artigo 70 da Lei de caza de Galicia. Ademais, un dos puntos de tiro desta batida estaba a menos de 100 metros da construción máis exterior dunha vivenda, incumprindo así o apartado 2 c) do artigo 42 da mesma lei de caza.

Tamén incumpriron de xeito sistemático o punto 1 e 2 do artigo 63 da mesma lei, ao estar realizando a batida en claro estado de embriaguez e ao levar armas cargadas a menos de 50 metros de nós, persoas totalmente alleas á ca­zaría. A súa vez, a persoa responsable da cacería incumpriu o seu deber de indicar as medidas de seguridade ao resto dos cazadores participantes, tal como indica o punto 9 do artigo 63. Isto foi así xa que a información proporcionada por diferentes cazadores ante as nosas preguntas sobre permisos da batida, permisos para cazar á beira do camiño e das casas, así como o emprazamento dos restantes puntos de abatemento dentro da cacería, foron contraditorias e confusas en todo momento, agravando a percepción de perigo e de vulnerabilidade de todas nós.

Ademais queremos denunciar a falta de estudos científicos sobre as poboacións de mamíferos suxeitos a caza a partir dos cales se regula as tempadas anuais de caza. Desde o proxecto de custodia do territorio realizamos estudos poboacionais en todo o monte de Rebordelo e podemos constatar que o xabaril non é tan abundante na zona, e moito menos supón un agravante de perdas económicas para a veciñanza do lugar xa que non hai explotacións agropecuarias. Este punto, a demostración de danos e prexuízos económicos por parte do xabaril, é un documento fundamental para a autorización  de batidas pola administración competente, tal como recolle a Orde de Veda 2019-2020, a cal non se realizou con criterios científicos, polo que estamos ante un caso máis de incumprimento da lei e do regulamento competente en materia de caza.

Pola súa banda, a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia prohibe calquera actividade cinexética en terreos afectados por un incendio forestal durante o prazo de tres anos. Este é o caso do monte comunal de Rebordelo, o cal sufriu os incendios forestais de outubro do 2017, polo que está excluído da actividade cinexética até o 31 de decembro de 2020. Aínda así, o pasado 11 de setembro do 2019, a Consellería do Medio Rural, competente en materia forestal, pronunciouse favorable a realizar excepcións en terreos queimados na provincia de Pontevedra despois dun informe favorable.

A caza e a incompatibilidade con outros usos do monte

Segundo a normativa vixente da Xunta, na modalidade de batida e a diferenza da modalidade de montería, non é preciso sinalizar os camiños de uso público onde se estea a realizar esta actividade de caza. Isto supón un grave perigo de seguridade pública para outras usuarias do monte, así como para a veciñanza de parroquias próximas, que poden verse sorprendidas por esta perigosa actividade.

A falta de comunicación da práctica da caza ás propietarias do monte, a ausencia de sinalización en case todas as actividades cinexéticas, o incumprimento sistemático da lei de caza e a falta de estudos poboacionais científicos e rigorosos, fai desta actividade unha das máis daniñas e perigosas no medio rural. Deste xeito, a caza causa un grave prexuízo á natureza e aos animais non humanos, así como para moitos sectores sociais que fan un uso de lecer, educativo e non mortal do monte galego.

Así, a caza e todo o regulamento lexislativo da Xunta, amosaron unha vez máis a falta de regulación para a convivencia de actividades de uso público no monte galego, favorecendo sempre a práctica anacrónica e cruenta da actividade cinexética. O marco vixente é síntoma dunha falta de sensibilidade das administracións competentes que vai encontra da actual crise climática e ecolóxica provocando grandes desequilibrios nos ecosistemas, así como prexuízos sociais.

Refuxio de fauna para o Couto da Eirexiña

Desde fai dous meses, ADEGA Vigo e a comunidade de montes de Rebordelo están a traballar conxuntamente na redacción dunha memoria técnica para a inclusión dos terreos en custodia baixo a figura de refuxio de fauna. Esta figura, definida no artigo 33 da sección 1 da Lei 13/2013 do 23 de decembro de caza de Galicia, permite prohibir a actividade cinexética nun territorio por razóns de carácter biolóxico, científico ou educativo.

Agardemos que nos próximos meses, tras unha aprobación favorable do organismo competente, non teñamos que vivir nunca máis unha situación de perigo para nós e para os ecosistemas en custodia nos montes de Rebordelo.

Tendo en conta todos os feitos descritos e o incumprimento da lei pola batida, ao longo desta semana realizaremos a denuncia correspondente ás autoridades competentes para que investiguen estes feitos que converteron unha actividade de educación ambiental nunha situación de risco e de vulnerabilidade.

#StopCaza

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal