16-12-2019
Recentemente, a plataforma Lugo de Cara o Miño reuniuse cos Concelleiros Álvaro Santos, da Concellería de Medioambiente, e con Miguel Couto de Urbanismo Sostible, co gallo de presentar a plataforma ao novo goberno municipal e de coñecer o estado dos expedientes que consideramos afectan en maior grao ao río Miño.
A praia fluvial, as “termas”, o Clube Fluvial, as Saamasas, as talas masivas de bosque de ribeira, ou o Caudal Fest, foron os temas tratados, e en case tódolos casos os concelleiros transmitíronnos a súa incapacidade de actuación, xa que, segundo nos indicaron, son temas herdados nos que non teñen capacidade de decisión nin de actuación. A continuación detallamos polo miúdo cada un dos temas abordados:
Dende a plataforma consideramos que esta urbanización é innecesaria, tendo en conta a cantidade de vivendas desocupadas, e o impacto ambiental e paisaxístico que supón. Explicámoslles que no proxecto non se contemplaron aspectos tan importantes como dúas línguas anegábeis que afectan á urbanización, nin a distancia de protección da igrexa catalogada das Saamasas.
En marzo de 2019, a XT de Patrimonio en Lugo emitiu un acordo de incoación de expediente sancionador ao Concello de Lugo, por ter autorizado as obras sen a preceptiva autorización de Cultura. Sobre isto, ningún dos concelleiros parecía ter coñecemento algún nin interese no tema.
O concelleiro de urbanismo mostrou certa desconformidade con puntos do Plan Xeral, mais reiterou a sua incapacidade para actuar ao respecto por tratarse de temas herdados (lembramos que do mesmo partido político).
Despois de 3 anos dende a paralización da obra da fábrica da luz, tanto os terreos como o edificio atópanse en total estado de abandono.
Solicitamos a desmontaxe do balado, o desbroce do terreo, reparación da pontella, e acondicionamento da área, que o Concello abandoe a idea do uso industrial das instalacións e retome a súa idea inicial de aula de interpretación, utilizando con fins didácticos as vellas instalacións.
Consideramos que este é o xeito mais sostible de acercar as persoas ao río, dando a coñecer o seu valor natural.
Dende a plataforma lamentamos o feito de que o Concello non teña interese algún en empregar a zona de baño que o Clube Fluvial gañou ao río, como zona de baño pública. Esta é a única zona do río catalogada como zona de baño na contorna da cidade. O Concello segue sen atender ás nosas propostas expostas na rolda de prensa celebrada o 27 de febreiro do 2019.
A praia fluvial prevista, ao pé da pasarela de Alfonso X, consideramos non é axeitada, xa que non ten a profundidade suficiente ademais, trátase dunha zona chea de pedras, cunha altura da auga duns 50cm. Trasladamos ao concelleiro de medioambiente a reportaxe fotográfica, mais reafirmouse no bo criterio das funcionarias e funcionarios.
Outro proxecto dentro do EDUSI é a construcción das termas nas inmediacións do Pazo de Feiras e Exposicións. Con este proxecto o Concello pretende achegar a ciudadanía ao río, empregando a tecnoloxía aerotérmia para quentar a auga da traída. Unhas piscinas de auga quente, simulando as termas públicas de Ourense. Se realmente se precisan unhas termas, entendemos que sería mais sensato empregar auga termal, e que parte da liña que vai ao Balneario, de uso privado, fóra derivado para o uso e disfrute de toda a ciudadanía, sen que supuxese un gasto enerxético.
Solicitamos que o Concello vele polo bosque de ribeira e pola conservación do río. As institucións deben facer un seguimento e confirmar que as talas se realizan de forma axeitada. Instamos ao Concello a que suscriba un acordo de custodia compartida coa CHMS a longo prazo (de 40 a 50 anos) nas zonas de Dominio Público Hidráulico.
Un macrofestival en plena Rede Natura, no entorno do Pazo de Feiras e Exposicións, no que a contaminación acústica e lumínicas afectan notablemente á contorna. Dende a plataforma consideramos que un macrofestival deste tipo, no que se reunen miles de persoas debe organizarse noutro sitio, prevalecendo os valores naturais sobre os económicos.
Sorprendeunos o feito de que unha empresa que ten un contencioso co concello, coa que notamos certa incomodidade, siga sendo a adxudicataria de tódolos proxectos dentro do programa EDUSI.
Instamos aos concelleiros a que nos tiveran en conta como parte interesada en todas as intervencións que afecten ao río, e que realmente prioricen o valor natural do río e salvagarden a súa contorna.
Lamentamos a pouca disposición de actuación e interese nos temas abordamos, que dende a plataforma consideramos de gran relevancia. Podería parecer que a dirección política non é necesaria, que só chega co bó traballo das funcionarias e funcionarios, e se é así cal é a función destes concelleiros?
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal