Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo logra paralizar as obras de ampliación...
11-09-2026
As obras denunciadas por ADEGA en Cellán de Mosteiro, Castroverde, quedaron paralizadas tras a intervención do Concello, despois de que a organización ecoloxista alertase dos movementos de terras, escavacións, e recheos que se estaban executando na contorna dunha explotación gandeira.
ADEGA-Lugo presentara unha denuncia urbanística ante o Concello de Castroverde para que se inspeccionasen as actuacións e se comprobase se contaban coas licenzas e autorizacións necesarias. A asociación advertía tamén dun problema especialmente grave: o depósito das terras estaba afectando unha zona húmida que constitúe as nacentes dun regato conectado co rego do Mosteiro e, posteriormente, co río Tórdea. O Concello vén de paralizar as obras que ADEGA denunciara en Cellán de Mosteiro. A resolución municipal, ditada tras a denuncia da organización ecoloxista, determina a intervención do Concello para comprobar a legalidade das actuacións e se estas contan coas autorizacións necesarias.
Para ADEGA, a paralización das obras constitúe un primeiro paso imprescindible, pero insuficiente, xa que considera necesario ir máis alá da interrupción dos traballos e abordar a restauración da zona afectada polos movementos de terras e os recheos, co obxectivo de recuperar as condicións naturais do espazo.
ADEGA denuncia que as terras procedentes das escavacións estaban sendo retiradas en camións e trasladadas, entre outros puntos, a unha finca próxima onde se estaba prolongando un recheo iniciado xa en 2024. A entidade ecoloxista considera especialmente preocupante a transformación dunha zona húmida que hai uns anos conservaba unha ampla superficie de auga e que, tras os recheos, quedou reducida a unha zona de xunqueira. ADEGA advertiu xa na súa denuncia de que neste punto se atopan as nacentes dun regato que desemboca no rego do Mosteiro e acaba no río Tórdea.
Así mesmo, a organización considera necesario revisar a situación da explotación gandeira e a súa ampliación ata preto de 1.600 xatos de cebo, e determinar se, desde o punto de vista sanitario e urbanístico, resulta axeitada a súa localización dentro do núcleo de Cellán de Mosteiro.
ADEGA agarda agora que tanto o Concello de Castroverde como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil completen as comprobacións e adopten todas as medidas necesarias para garantir tanto a protección do curso de auga como a recuperación ambiental do espazo afectado.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal