ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e a Deputación da Coruña asinan un convenio...

04-09-2026

ADEGA e a Deputación da Coruña asinan un convenio para dar continuidade ao Proxecto Ríos na provincia

O emblemático Proxecto Ríos continúa a súa andaina na provincia da Coruña cunha nova edición do programa de voluntariado ambiental en ríos promovido por ADEGA desde hai 20 anos. O presidente da asociación ecoloxista, Manuel Soto, e a deputada provincial responsable de Medio Ambiente, Rosa Ana García, asinaron este venres, 4 de setembro, o convenio que permite dar continuidade ao Proxecto Ríos ao longo do presente ano, cun importe de 30.000 euros.

No encontro, o presidente de ADEGA, Manuel Soto, puxo en valor a colaboración da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña neste programa de educación ambiental. “O Proxecto Ríos naceu coa vontade de achegar a cidadanía ao medio fluvial e de reinvidicar a riqueza ambiental, social e cultural destes ecosistemas. 20 anos despois, seguimos traballando co noso obxectivo, incorporando novas ferramentas e implicando novas xeracións”, explicou.

Ao longo destas dúas décadas, o Proxecto Ríos teceu xa unha rede de máis de 8.000 persoas e 600 grupos de voluntariado ao longo de todo o territorio galego, cunha especial implicación da comunidade educativa. No pasado ano, e no marco da colaboración coa Deputación, o proxecto implicou case 800 persoas só na provincia da Coruña, con actividades vinculadas a máis de 47 ríos e nun total de 38 concellos.

Novas accións de custodia e formación

O convenio hoxe asinado permitirá desenvolver actividades de educación ambiental canda a diversas entidades da provincia da Coruña, facendo uso de materiais educativos, divulgativos e de monitorización. En concreto, durante a campaña de outono do proxecto, que dá comezo o 15 de setembro, executaranse diversas accións de custodia fluvial no río Sar, onde xa se desenvolveron eliminacións da especie invasora Tradescantia e onde se instalou unha cámara de fototrampeo para estudar a fauna que habita na contorna.

O programa contempla tamén un curso de formación para achegar ao voluntariado a metodoloxía do Proxecto Ríos, co obxectivo de preparalo para a inspección e análise da calidade das augas a través de bioindicadores como os macroinvertebrados.

20 anos de proxecto

Con motivo do 20 aniversario do Proxecto Ríos, ADEGA dará continuidade á campaña “Súmate á corrente”. Neste marco, instalará a exposición “20 anos de Proxecto Ríos” en varios centros de ensino da provincia da Coruña.

Ademais, baixo o lema “Móllate polos Ríos”, o Proxecto Ríos tamén poñerá en marcha un ano máis a Limpeza Simultánea de Ríos, que este ano chega á súa XIX edición. Terá lugar o domingo, 4 de outubro. Trátase dunha das actividades máis destacadas do proxecto, na que milleiros de persoas voluntarias participan na retirada de decenas de toneladas de residuos dos ríos cada ano e de xeito simultáneo.

A través destas propostas de educación ambiental, este proxecto procura dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais e os servizos ecosistémicos que prestan, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e mellora dos ríos a través da participación cidadá.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal