ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Galiza chega á época de máximo risco de incendio...

27-07-2026

Logo de apagados os catastróficos lumes do verán pasado, esqueceuse a necesidade de abordar cambios.

Galiza chega á época de máximo risco de incendio cos deberes sen facer

Solidariedade coas persoas damnificadas polos megaincendios na Península e Europa, e recoñecemento ás equipas de extinción que encaran unha tarefa titánica dende a precariedade laboral.


A emerxencia climática amosa con dureza que xa está aquí: vagas de calor, incendios, choivas torrenciais e fenómenos meteorolóxicos inéditos son tan só un anticipo do que imos padecer no futuro se non se adoptan estratexias de adaptación valentes e continuadas no tempo.

Os efectos dos incendios forestais trascenden o impacto no medio natural: nestes días contemplamos con impotencia a traxedia humana, os danos materiais en poboacións arrasadas e os xigantescos custos económicos da extinción. Sabemos por experiencia, ademais, que despois dos incendios chegan a cotío choivas intensas, que agravarán os efectos na terra queimada e no abastecemento de auga potable.

Galiza padeceu o pasado verán de 2025 incendios forestais catastróficos coma o de Oimbra ou o de Larouco, que pulverizaron marcas históricas. Porén, un ano despois dos lumes e das riadas que causaron importantísimos destrozos en lugares coma Valdeorras e Viana do Bolo, poucos cambios se aprecian nas políticas contraincendios das Administracións.

O noso país afronta esta ominosa tempada de lumes, que chega precedida de temperaturas extremas, outra volta cos deberes sen facer. Por citar un caso entre moitos: a Mariña de Lugo, epicentro da produción de eucalipto (ata agora beneficiado por veráns húmidos), acadou este mes de xullo 38ºC en lugares coma Mondoñedo ou o Valadouro, afeitos a brétemas e choivas estivais que este ano se desviaron da súa pauta habitual sen que se adoptasen medidas especiais.

A Xunta, entre a inacción covarde e a promoción suicida do eucalipto

A problemática dos lumes require políticas ambiciosas e a longo prazo relacionadas co ordenamento do territorio. Con todo, nin sequera o mínimo e primordial, quer a xestión da biomasa seca arredor das vivendas e vías de evacuación para protexer a poboación, foi abordada en tempo e forma. A propia Xunta recoñecía, entrado xa o mes de xullo, que só actuara en aproximadamente o 30% das 276 zonas prioritarias (ZAR – Zonas de Alto risco de incendios). Nin os concellos, nin a Xunta a través da Consellería de Medio Rural, están a asumir esta tarefa con seriedade e dilixencia, e trasladan covardemente á veciñanza a responsabilidade de denunciar o estado de parcelas próximas ás casas que incumpren os deberes de conservación.

Paralelamente, a vexetación autóctona e a paisaxe galega en mosaico, moito máis resistente e resiliente aos lumes, continúa a ser substituída por plantacións forestais de eucalipto, mesmo nas proximidades das zonas habitadas, de xeito que se perde a aportunidade de aproveitar estes marcos de vexetación resiliente como cortalumes e refuxios climáticos. Unha vez producido un lume dentro dunha destas plantacións forestais homoxéneas e continuas, o risco de desborde dos medios de extinción multiplícase cos novos incendios convectivos de sexta xeración.

ADEGA vén detectando que as Administracións toleran sistematicamente infraccións que incrementan o risco de incendio. Dende o inicio da moratoria do eucalipto de 2021, ADEGA presentou perto de 700 denuncias por plantacións ilegais, o cal amosa a renuncia da Xunta a controlar de oficio o cumprimento das súas propias normas. Das denuncias presentadas, só unha pequena porcentaxe chegou a resolverse.

Ao mesmo tempo que se tolera a plantación ilegal de especies forestais pirófitas, e sobre todo de eucalipto, en terreos agrícolas e gandeiros autorízase a corta de bosque húmido de frondosas para recuperar precisamente o solo agrícola e gandeiro que se perdeu, nun proceso que incrementa a vulnerabilidade de Galiza aos grandes incendios. A falta de inspección e control é palmaria no caso de plantacións forestais que non respectan a distancia a vivendas e a vías de evacuación.

Este desleixo xera impunidade e descontrol, e remata creando paisaxes tremendamente combustibles á beira das casas. O “deixar facer” da Xunta resulta aberrante e suicida nun contexto de emerxencia climática. A loita contra os incendios forestais, tanto nas facetas de prevención coma de extinción, require valentía e medidas estruturais que teñen que ver coa ordenación do territorio e a revitalización do rural, algo ao que a Xunta semella ter renunciado na súa teima suidida de favorecer os intereses de pasteiras e enerxéticas.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal