Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta inicia a tramitación do novo Plano Eólico...
29-04-2026
Nunha recente xuntanza do Comité Executivo da Enerxía, o Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, deu conta do estado dos traballos para a elaboración do novo Plano Sectorial Eólico de Galiza (PSEG), que será sometido ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE). O alto cargo comentou que o actual PSEG (que data de 1997) está xa superado, e apuntou a necesidade de que o novo reflicta o "potencial eólico real de Galiza", promova un uso eficiente dos recursos e garanta unha "seguridade xurídica" para o sector.
Chama a atención que a Xunta pretenda agora dotar de seguridade xurídica o sector eólico cando ela mesma é a causante do actual caos: continuas modificacións do marco normativo (a través das leis de "depredación", de simplificación administrativa, de "acompañamento"...) e autorizacións ambientais de parques chafalleiras que deviron en numerosos contenciosos e sentenzas xudiciais.
Pablo Fernández presentou un documento con fases para a tramitación do PSEG e os criterios de valoración para a elaboración dun mapa base, obxectivo da primeira fase. Nela, as capas coas distintas afeccións (sensibilidade ambiental) superpoñeranse a un mapa de recurso eólico para determinar cales serán as zonas excluídas e aptas. As persoas membro deste comité poderemos facer achegas ao documento nun prazo de 2 semanas.
Preguntado por se ía abrir un período de consultas previas para a elaboración do mapa base do PSEG, o Dir. Xeral dixo que non. A participación pública nesta fase semella limitada ás "mesas de traballo", isto é, aos órganos colexiados da administración dependentes da Xunta, así como aos períodos regrados de consulta pública logo de iniciado o procedemento de AAE.
Xa que logo, desde ADEGA detectamos un déficit de partida polo que atinxe á participación pública na elaboración deste "mapa base" inicio do novo PSEG. Excluír de entrada as plataformas sociais e colectivos de afectadas só pode cualificarse de fraude. En consecuencia, formulamos alegacións no senso de que se habilite un procedemento de consulta aberta para que a cidadanía poida facer achegas nesta fase previa antes do inicio formal do procedemento de AAE.
En canto á tramitación, a Xunta contempla que precisará dun mínimo de 26 meses, o que significa que, nesta lexislatura, o novo PSEG non vai aprobarse. Iniciar agora os trámites dun procedemento no que, en 17 anos e 4 lexislaturas, a Xunta nunca acreditou e que non vai poder concluír, demostra a falla de compromiso real coa reforma. Así, os novos proxectos que se presenten durante a elaboración do novo PSEG continuarán a tramitarse co Plano Eólico vixente, e coas numerosas modificacións lexislativas introducidas na Lei eólica 8/2009.
En numerosas ocasións, xa desde o bipartito, ADEGA reclamou a necesidade de contarmos cun novo Plano Sectorial Eólico, e que este pasara unha tramitación ambiental da que o vixente careceu. Ademais, a redacción dun novo PSEG debería levar aparellada unha moratoria para novas instalacións mentres non remate a súa tramitación. É o procedemento seguido con outras ferramentas de ordenamento territorial como o POL (Plano do Litoral), os PXOM, etc. Que a Xunta desbote a moratoria dará de novo a medida do escaso rigor e implicación desta administración co proceso.
Para o deseño do "mapa base" inicial (Fase 1), a Xunta presentou unha serie de factores ambientais e indicadores que determinarán a idoneidade dun territorio para acoller instalacións eólicas. Estes son un mal "corta-apega" traducido ao galego dos usados polo Ministerio na determinación da "Zonificación ambiental para a implantación das enerxías renovábeis". A Xunta nin se molestou sequera en suprimir da táboa cos seus indicadores as "zonas especialmente protexidas de importancia para o Mediterráneo".
A listaxe de factores e indicadores usados resultan, ademais, incompletos e pouco rigorosos. A Xunta debería corrixilos, completalos e adatalos á realidade galega, como vai reclamar ADEGA. Este evidente desleixo e/ou falta de rigor apunta novamente a unha falla de compromiso real desta Xunta coa aprobación dun novo PSEG.
Desde ADEGA achegaremos no prazo dado as nosas propostas (actualizadas) de áreas de exclusión presentadas no seu momento (2022) á Xunta e Ministerio, e reclamaremos o estabecemento dunha moratoria a novas instalacións eólicas mentres se tramita o novo PSEG.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal