24-10-2025
ADEGA Lugo vén de denunciar perante a Confederación Hidrográfica Miño Sil as obras que se están a executar no leito do río Rato, que ademais de secar o propio leito sen telo desviado, degrada aínda máis se cabe a calidade das augas do río Rato/Fervedoira, xa que a achega ao río Fervedoira provén unicamente dun vertido continuo de augas residuais, o que afecta directamente á poboación de espiñento, especie ameazada habitual desta zona.
Socias de ADEGA comprobaron que se estaban a realizar obras no río Rato (tamén coñecido como río da Chanca) -antes da súa confluencia co río Fervedoira- con maquinaria pesada directamente sobre o leito fluvial, o que provoca graves alteracións no sistema fluvial. Ademais, ditos traballos incumpren a normativa do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño–Sil (PHM-S), que establece que as actuacións deberán respectar os fins e integridade do dominio público hidráulico, e en particular a calidade e cantidade das augas e a morfoloxía e a dinámica fluvial.
O estado do río Fervedoira, segundo o Plan Hidrolóxico Miño Sil, é "peor que bon", e segundo o propio plan, tería que mellorar ata "bo estado" no ano 2027. Ademais, en inspeccións realizadas na zona, ADEGA-Lugo comprobou a existencia de espiñento (Gasterosteus aculeatus), especie incluída no catálogo galego de especies ameazadas na categoría de conservación vulnerábel. O seu estado de conservación débese á fragmentación do seu hábitat, así como á contaminación tanto biolóxica de especies foráneas como de vertidos.
O emprego de maquinaria pesada no leito, xunto cun vertido sen diluír, non fai máis que dificultar que se alcancen os obxectivos ambientais do Plan Hidrolóxico Miño Sil, ademais de afectar gravemente as poboacións de espiñento presentes no río Rato/Fervedoira. Por todo isto, ADEGA vén de solicitar perante a CHMS a paralización destas obras e información sobre as medidas preventivas tomadas para evitar o deterioro da calidade das augas e do ecosistema fluvial, e máis especificamente, para non afectar o ciclo de vida do espiñento.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal