ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A valiosa braña da Ría do Burgo, afogada en lixo...

04-09-2024

A valiosa braña da Ría do Burgo, afogada en lixo máis dun mes despois das festas

A organización ecoloxista ADEGA denuncia a lamentable situación na que se atopa unha das zonas naturais máis privilexiadas e fráxiles da Ría do Burgo.

A delegación na Coruña da organización ecoloxista ADEGA manifesta a súa preocupación ante a acumulación de lixo na braña da Ría do Burgo, unha situación que se viu agravada tras as festas do Burgo, hai xa máis dun mes. A veciñanza púxose en contacto coa asociación despois de ver a gran cantidade de residuos sólidos urbanos acumulados no entorno do xardín botánico.

É habitual observar lixo nas marxes do paseo marítimo do Burgo, e para todas as persoas que diariamente o percorren, forma parte dunha estampa cotiá, a pesar de que se trata dun entorno natural privilexiado para a observación de fauna salvaxe. Trátase dunha situación que non por ser habitual deixa de ser preocupante. O incremento de lixo desde hai máis dun mes é unha auténtica barbaridade, sen que ningunha administración pareza ter interese por poñerlle fin. 

Os obxectos que se poden ver ao lado do paseo marítimo, na parte traseira do xardín botánico, son principalmente restos de plástico, botellas, bolsas, envoltorios, etc. Segundo as testemuñas de persoas que viven nesta zona e as informacións publicadas na prensa, a maioría destes residuos proceden das Festas do Burgo, celebradas hai máis dun mes. Esta acumulación de lixo está a ter un impacto negativo nunha das zonas naturais máis valiosas e fráxiles da Ría do Burgo: a Braña.

Un foco de contaminación

Esta zona húmida que actúa como un pulmón ecolóxico é esencial para a biodiversidade local, e serve de hábitat para numerosas especies de aves, peixes e plantas acuáticas. A situación afecta gravemente o entorno natural, e este foco de contaminación pon en risco toda a flora e fauna da zona. Os residuos plásticos poden ser inxeridos polas aves e outra fauna, o que causa danos irreparables na súa saúde. Ademais, a degradación dos plásticos provoca a súa fragmentación, e poden ser liberadas substancias tóxicas que contaminen o solo e a auga, o que afectaría gravemente os bancos marisqueiros da ría. 

Por todo isto, ADEGA considera que se debe poñer fin a esta situación e tomar as medidas necesarias para protexer este entorno natural. A asociación ecoloxista quere recordar que a lexislación vixente establece que as administracións públicas deben promover o uso de alternativas reutilizables aos envases dun só uso ou feitas con materiais de menor impacto ambiental que o plástico. 

A falta de dilixencia do Concello de Culleredo na resolución desta desfeita, así como a ausencia dalgunha medida que puidera evitar esta situación, manifestan un gran desinterese pola protección do medioambiente. A braña da Ría do Burgo é un espazo natural que debera estar protexido e coidado, pero atópase nun estado lamentable que require unha actuación inmediata.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal