ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA apoia a mobilización en defensa da planta...

24-05-2024

ADEGA apoia a mobilización en defensa da planta de reciclaxe de Nostián deste sábado na Coruña

O comité de empresa de Nostián reclama un desbloqueo da situación de inacción na que se atopa a planta.


A organización ecoloxista ADEGA apoia a mobilización en defensa da planta de reciclaxe de Nostián que terá lugar este próximo sábado, 25 de maio, ás 12:00 h. na Coruña. ADEGA faise eco das denuncias do comité de empresa sobre a súa deterioración e falta de investimentos por parte da empresa concesionaria. Mentres o tempo avanza, o contrato de xestión segue forzosamente prorrogado dende o ano 2019 e á espera duns novos pregos de licitación que saquen a planta desta parálise. 

Estes pregos levan en redacción desde o ano 2018, momento no que gobernaba Marea Atlántica. No 2019, coa entrada do novo goberno do PSOE, anunciouse a súa publicación para a primeira lexislatura, pero aínda hoxe, xa na segunda, non foi feito público ningún documento de licitación para a planta de Nostián. Esta planta de reciclaxe, con 25 anos de actividade, é unha das que máis recicla de Galiza con porcentaxes de recuperación de residuos ata 4 veces superiores aos da planta de SOGAMA.  

Por isto, a asociación ecoloxista ADEGA quere manifestar o seu apoio á mobilización en defensa de Nostián, que sairá da Casa da Auga o vindeiro sábado 25 de maio ás 12:00 horas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal