ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e a plataforma veciñal conseguen en tempo...

24-04-2024

ADEGA e a plataforma veciñal conseguen en tempo récord os fondos necesarios para recorrer a autovía A-57 na Audiencia Nacional

A campaña de recadación "Salva o Lérez. Stop A-57!" recadou un total de 10.030 euros en pouco máis dun mes.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (ADEGA) e a plataforma veciñal de afectados e afectadas pola A-57 nas parroquias de Xeve e Bora, no concello de Pontevedra, veñen de recadar os fondos necesarios para poder emprender accións legais contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental da autovía A-57, no seu treito entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve), no concello de Pontevedra.

A campaña de recadación solidaria "Salva o Lérez. Stop A-57!" impulsada para tal efecto conseguiu reunir un total de 10.030 euros nun tempo récord, en pouco máis dun mes e a 20 días de que acabase o prazo para conquerilos; e mesmo excedeu o obxectivo de recadación de 9.500 euros establecido nun inicio. A celeridade coa que se acadaron estes fondos evidencia o gran rexeitamento social cara a un proxecto de autovía que suporá un impacto ambiental, patrimonial e social irreparábel e inasumíbel para a cidadanía pontevedresa e para o conxunto do pobo galego.

Estes fondos sufragan, en concreto, a interposición por parte de ADEGA no pasado mes de xaneiro do recurso contencioso-administrativo contra a autorización do treito A Ermida-Pilarteiros da A-57 diante da Audiencia Nacional. Agora, a organización ecoloxista atópase á espera de que o tribunal lle traslade de novo o expediente do proxecto, xa que na primeira comunicación viña incompleto e mal foliado. Unha vez se reciba e se analice, ADEGA presentará a demanda e o informe técnico ambiental que procure a paralización cautelar do proxecto, accións que quedan garantidas coa consecución destes fondos a través da campaña "Salva o Lérez. Stop A-57", que hoxe dá por finalizada.

A asociación ecoloxista ADEGA e a plataforma veciñal de afectos e afectadas pola A-57 nas parroquias de Xeve e Bora queren expresar o seu agradecemento á veciñanza polas súas achegas á campaña en defensa do rural de Pontevedra; á Comunidade de Montes Castro-Lampán de Bora e á Comunidade de Montes de Xeve polo seu apoio para protexer os terreos comunitarios; e a todas aquelas persoas que, sen estar directamente afectadas pola construción da autovía, quixeron poñer o seu gran de area co obxectivo de frear este proxecto.

Unha ameaza para o Lérez e o rural pontevedrés

As obras deste treito da A-57, proxecto promovido pola Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, racharían pola metade a Zona de Especial Conservación do río Lérez, ao que se suma a construción dun viaduto de 700 metros sobre o río Lérez e outros dous sobre o Rego de Xanín e o Rego de Cardosa. En conxunto, a obra prevé unha intervención directa sobre 6.000 metros cadrados de superficie ambientalmente protexida, o que compromete o estado de conservación de especies vulnerables e en perigo de extinción que habitan no leito fluvial, como é o caso do mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Ao tempo, arrasaría con flora endémica, propia da zona afectada, representada en varias especies de cogomelos (p.ex. Lentinellus Pontevedrensis), e con exemplares de plantas en perigo de extinción (Succisa pinnatífida).

Ademais, a autovía proxectada entre A Ermida e Pilarteiros exercería un impacto sobre a veciñanza e os núcleos de poboación afectados totalmente inaceptábel e inxustificado. Prevese a expropiación e demolición dun amplo número de vivendas, fendería e mesmo borraría do mapa núcleos de poboación enteiros, como o da Cascada. Ademais, centos de casas quedarían soterradas nos nós de acceso, ao bordo de precipicios ou debaixo dos viadutos que se van construír nas parroquias de Bora e Xeve.

Alén destes impactos, ADEGA asenta a súa solicitude de paralización cautelar na ausencia de utilidade social e pública da infraestrutura e na súa aprobación en contra das actuais políticas de mobilidade sustentable. Ao longo de 20 anos de modificacións do proxecto, o que comezou sendo unha infraestrutura de alta capacidade entre A Coruña e O Confurco (Ponteareas) ou “Autovía do Atlántico” é agora unha concatenación de treitos subdivididos que se atopan en diferentes estados de tramitación para fins totalmente distintos ao inicial. ADEGA e a plataforma veciñal advirten que os tres treitos da A-57 que hoxe conforman o proxecto da malchamada “circunvalación de Pontevedra” estanse aprobando de forma absolutamente fraudulenta e contraria á normativa vixente de avaliación ambiental, xa que ao tramitarse de forma separada ou fragmentada non se están sometendo a unha avaliación ambiental conxunta e completa que permita determinar o impacto real da infraestrutura.

Tanto ADEGA como a veciñanza afectada confían en que a Xustiza atenda as argumentacións contra este proxecto e o paralice o antes posible, ata conseguir a súa anulación final. En definitiva, esta autovía constitúe unha auténtica fraude ambiental, social e legal e un atentado contra o patrimonio natural e cultural colectivo, ademais dun enorme despilfarro de cartos públicos para conquerir a duplicidade innecesaria da AP-9, á altura da cidade do Lérez.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal