ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O proxecto de captación hídrica de ALTRI para a...

27-02-2024

O proxecto de captación hídrica de ALTRI para a súa celulosa na Ulloa fai augas por todas partes

ADEGA disponibiliza unha avaliación premilinar que revela o enorme impacto hídrico da pasteira


ADEGA vén de avaliar o proxecto que a pasteira ALTRI presentou en Augas para a concesión de 46.000 m3 diarios. Esta enorme demanda condicionará os demais usos da auga en toda a bacía nun contexto de mudanza climática que a empresa esqueceu considerar.

Unha avaliación nesgada do impacto hidrolóxico da captación

A peticionaria compara o volume da captación (16,79 hm3/ano) coas aportacións naturais acumuladas que chegan ao encoro de Portodemouros, pero faino dun xeito errado porque non ten en conta todos os usos acumulados da bacía, tan só os do propio encoro. Na documentación do proxecto tampouco hai información sobre a magnitude, frecuencia ou estacionalidade do réxime de caudais do efluente, e descoñécese o caudal que se consumirá nos diferentes procesos da fábrica xa que a empresa só achega aproximacións.
O volume máximo do encoro empregado pola empresa como referenza non é un valor representativo para contrastar o que representa o caudal solicitado. O promedio da serie de datos é de 182,3 hm3 (181,9 hm3 tomando a serie segundo o ano hidrolóxico dende 1/10/1988 até o 30/09/2023), polo que o caudal solicitado supón un 9,2% sobre o encoro, unha cifra moi alarmante e lonxe dese 1%-2% que presenta a peticionaria.
Este feito, unido a que concesión non se solicita no muro do encoro senón case no cabo deste, e nunha zona que soe ter moitos problemas de descenso da cota durante a estiaxe, fará que en moitos momentos do ano haxa problemas de abastecemento, debido á grande estacionalidade que presentan os ríos da bacía.
E finalmente, tampouco se tiveron en conta os escenarios de cambio climático nunha concesión a 75 anos. Porén, no Plano Hidrolóxico de bacía afírmase que “...Deben de se estimar os efectos do cambio climático para un escenario que se fixa no ano 2039. O resultado, en xeral, prognostica unha redución de recursos hídricos que irá acentuándose conforme avance o século XXI, polo que será máis acusada no último período de impacto (2070-2100). E en concreto, para este sistema de explotación, prevese unha diminución do recurso para o ano 2039 do -8,39%”.

Un encoro en mal estado e que vai ir a peor

Estado das masas de auga na bacía do Ulla. Fonte: PHG-C

O encoro de Portodemouros, pretendido sublministrador de auga para ALTRI é unha masa de auga que incumpre o potencial bó estado (estado ecolóxico moderado), contrariamente ao requerido polo PHG-C para o actual ciclo de plan¡nificación (2021-2027). De feito a principal presión que impide a consecución deste obxectivo é precisamente a contaminación orgánica causada polas verteduras.
A fábica de ALTRI inxectará no río Ulla case nao cabo do encoro una enorme cantidade de efluentes (30.000 m3/día) con unha moi probábel alta carga orgánica, como acontece con todas as pasteiras.
Segundo a normativa sobre contaminación difusa das augas, o encoro de Portodemouros está clasificado como eutrófico, o que significa que ten un exceso anormal de nutrientes que provoca o crecemento de cianobacterias, en moitos casos tóxicas como as Microcystis, e que determina a prohibición recorrente dos usos recreativos no vaso. Coa fin de preservar o seu estado trófico, deberían de limitarse aquelas actividades que poidan supoñer un enriquecemento en nutrientes, polo que non se debería de aceptar outra presión máis que supoña precisamente iso, e menos un uso industrial, que modificará tanto a calidade das augas como a totalidade dos elementos do réxime hídrico.

Incorrecta consideración das afeccións á RN2000 e a especies en perigo de extinción

O proxecto de captación presentado por ALTRI omite que as tubaxes van seccionar a ZEC ES1110014 Serra do Careón por una zona considerada dentro da Zona 1 “Área de Protección” prevista no Plan Director da Rede Natura 2000 aprobado en 2014.
O proxecto de captación de aguas sepultaría numerosos afloramentos serpentiníticos con varias poboacións rexistradas de tres especies de plantas endémicas estritas, consideradas "En perigo de Extinción". Todo isto, na inmediata proximidade da zona coas maiores poboacións destas especies, zonas ameazadas a súa vez por potenciais cambios hidrolóxicos derivados da transformación do terreo pola fatoría e o conseguinte déficit de recarga dos acuíferos. O espazo delimitado como parcela industrial para a fatoría de ALTRI acolle tamén fauna catalogada como ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, todos grupos en recoñecido declive. A peticionaria en absoluto considerou correctamente nin a presenza da maioría dos taxóns antes referidos nin a gravidade dos impactos potenciais sobre a súa conservación.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal