ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A ocupación do litoral: teimar na irracionalidade

07-11-2023

A ocupación do litoral: teimar na irracionalidade

Pasou a primeira tempestade da tempada e en Vigo vimos de asistir á destrución da bancada de cemento do recentemente inaugurado paseo de Bouzas. Unha estrutura construída directamente enriba do que antigamente era a praia do Adro, hoxe reducida á mínima expresión, que malia o boato da súa inauguración e a súa “inspiración parisina” (en palabras do alcalde) non pasou nin o seu primeiro exame fronte as leccións do mar.

A reforma do paseo de Bouzas presentárase como un proxecto de integración coa praia, cuberta anteriormente nesta zona por unha entulleira e un paseo de madeira pivotante, sendo a solución para esta nova comuñón coa natureza a construción dunha bancada de cemento instalada sobre a estrutura previa. Foron moitas as voces ecoloxistas que no seu momento manifestaron a súa desconformidade ao contemplar como dende o concello optaban, unha vez máis, por perpetuar a ocupación de terreo ao mar a prol da humanización, no canto de optar por un proxecto que recuperase de verdade o vello areal do Adro. Non colleu por sorpresa a ninguén o enésimo ataque a unha enseada de Bouzas transformada e deformada até a saciedade, que pasou de ser, en palabras da vella xente do mar, o mellor banco marisqueiro da ría pola súa cantidade e calidade de ameixa, a albergar un recheo de máis dun millón de metros cadrados en forma de aparcadoiro xigante e mesmo un campo de fútbol, que o destruíu e modificou os fluxos mariños estragando tamén outros bancos marisqueiros. Tampouco sorprendeu a decisión dunha administración que leva anos permitindo novos recheos no mar condenando á cidadanía a vivir de costas a el.

Política urbanística desfasada

Tras a desfeita causada polo temporal xorden as críticas á equipa enxeñeira encargada de executar o proxecto, mais a verdade é que a responsabilidade debe caer directamente sobre a corporación municipal por insistir nun modelo urbanístico que é insostíbel e irracional, soterrando millóns de fondos públicos en proxectos e obras que obvian o paradigma actual do cambio climático e o aumento do nivel do mar. Cómpre continuarmos a esixir a paralización de novos recheos na ría e a recuperación efectiva dos areais e dos seus sistemas asociados, sen caer no sometemento de intereses industriais ou turísticos que antepoñen os seus beneficios aos intereses da cidadanía que é quen remata por asumir os custos de infraestruturas que, como aconteceu desta vez, resultan inútiles e inservibles, así como asumir que a renaturalización dos espazos costeiros, ademais de ser un modelo de integración paisaxística real, é unha inversión de futuro.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal