ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Vigo denuncia as obras no nacemento do río...

26-10-2023

ADEGA Vigo denuncia as obras no nacemento do río Lagares

ADEGA vén de interpor unha denuncia ante as autoridades competentes polas obras realizadas no nacemento do río Lagares na parroquia de Cabral, traballos  que consistiron na introdución dunha pa escavadora no leito do río que procedeu á retirada de toneladas de terra que se amorearon nas marxes, dando forma a unha gabia duns 200 metros de longo e 1,5 metros de largo para a condución de auga, modificando o fluxo hídrico. Ademais realizouse unha corta indiscriminada de numerosas árbores presentes na zona de servidume do leito (principalmente exemplares de Salix sp., Alnus glutinosa e Quercus robur), así como a roza e trituración posterior de vexetación, destruíndo o bosque de galería nas dúas marxes nunha área aproximada de 2000-2300 metros cadrados. Cómpre sinalar tamén que ditas parcelas levan anos sendo obxecto de deposición de verteduras de lixo, como xa foi denunciado en numerosas ocasións, e que, tras os traballos de remexedura e trituración antes indicados, o solo da zona de actuación ficou inzado de microplásticos.

O enésimo ataque a un espazo de alto valor natural

Na zona da actuación o río Lagares, alén do propio leito onde se interveu directamente, ten en ambas marxes unha zona húmida con xunqueira, bosque asolagado, pozas, regatos e brazos menores do río que se están afectando polas obras directamente. Dende ADEGA lembramos que as obras afectan directamente ao bosque lindeiro coa lagoa de Mol, espazo incluído no Inventario de zonas húmidas de Galicia formando parte indubidabelmente do mesmo ecosistema e que, malia non contar, inexplicabelmente, cunha figura de protección oficial, as parcelas afectadas polos traballos están ocupadas por bosque aluvial e brañas, hábitats catalogados como prioritarios na Directiva de Hábitats da Unión Europea. Ademais, este espazo fluvial constitúe o hábitat de numerosos anfibios e réptiles catalogados como especies ameazadas.

Depuración de responsabilidades

Dende ADEGA esiximos a paralización inmediata dos traballos até que se esclareza se se están a realizar sen a preceptiva licenza ou se se están a exceder os termos do hipotético permiso para obrar e se estes traballos gardan relación cunha posíbel ampliación ou acondicionamento do campo de golf que ocupa e monopoliza este espazo natural. Esiximos, ademais, o inicio dun expediente sancionador polo incumprimento da normativa en materia de protección dos recursos hídricos e dos hábitats asociados ao mesmo e que se obrigue ao promotor das obras executadas a restablecer o estado orixinal do espazo danado.

Protexer os nosos espazos naturais

Dado o alto valor ecolóxico do lugar e o risco de que se estean a planificar e/ou executar actuacións que poidan danalo ou modificalo de xeito irreparábel, reclamamos actuacións por parte da administración que se dirixan á protección real e efectiva do río Lagares e, concretamente, do seu nacemento e da lagoa de Mol, recuperando para a cidadanía un espazo natural e deixando atrás anos de desleixo.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal