Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A eucaliptización e os parques eólicos ameazan a...
13-01-2023
A 'Sociedad Española de Ornitología' (SEO/BirdLife), a través dunha votación pública, ven designar a tartaraña cincenta (Circus pygargus) como Ave do Ano 2023 en España. Con esta acción, SEO/BirdLife “pon o foco sobre unha especie que precisa dunha atención especial polo seu mal estado de conservación ou porque simboliza a urxencia de protexer os hábitats que a acollen para reclamar a administracións e institucións medidas para a conservación do patrimonio natural de todos/as” .
A nivel estatal, o censo desta rapina en 2017 contabilizou entre 4269 e 5360 parellas, o que supón un declive de entre o 23% e o 27% en só dez anos. A situación en Galiza é aínda máis precaria, pasando dun rango de 800 a 1548 parellas en 2002 a apenas 172-287 en 2019, o que supón un declive de entre o 59 e o 81% (!) en só 17 anos. SEO/BirdLife e o Grupo Ibérico de Aguiluchos son as promotoras da realización destes censos.
E isto tórnase máis lamentable se consideramos que desde 2007 a tartaraña cincenta está incluída como Vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas, e que, por lei, debería aprobarse un Plan de Conservación da especie. A designación da especie como “Ave do ano 2008 en Galiza” pola Sociedade Galega de Ornitoloxía serviu para avanzar no coñecemento da tartaraña e alertar á opinión pública do estado xa desfavorable de conservación da especie. A redacción do Plan de Conservación desta rapina licitouse e realizouse pero, lamentablemente, ficou paralizado desde 2009, sen se aprobar nin publicar. Desde entón, a caída en picado das poboacións da tartaraña cincenta foi da man co aumento descontrolado das plantacións de eucalipto (Eucalyptus nitens e E. globulus) nos mellores hábitats de busca de alimento e reprodución da especie (matogueiras abertas, pasteiros en extensivo, mosaicos rurais abertos, páramos), así como das plantacións de piñeiros (Pinus radiata e P. pinaster) no interior e a intensificación agraria e gandeira, con perda de usos extensivos. A instalación de ducias de parques eólicos tivo, ten e terá impacto tamén nas poboacións desta especie, ben por colisión directa coas aspas dos aeroxeradores como por perda da calidade de hábitat por fragmentación.
Ademais da opinión de SEO/BirdLife, ADEGA considera importante pulsar a opinión do Grupo Ibérico de Aguiluchos, como grupo de traballo que, desde 1991, reúne asociacións e particulares preocupados pola conservación da tartaraña cincenta e das outras dúas especies o xénero Circus nidificantes na Península: a gatafornela (Circus cyaneus) e a tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus). O seu presidente, o biólogo Xabier Vázquez Pumariño, comenta que a tartaraña cincenta “debería estar en Perigo de Extinción” en Galiza e en España en vista da magnitude do declive poboacional nas últimas décadas. Comenta tamén “a necesidade de facer real ese Plan de Conservación”, que “salvagarde tamén a singularidade das poboacións galegas da especie, cunha alta porcentaxe de individuos de morfo escuro, algo único a nivel mundial”. Vázquez Pumariño manifesta a súa preocupación pola instalación masiva de parques eólicos: “Algúns aeroxeradores están proxectados non só no territorio das tartarañas cincentas, senón mesmo enriba da situación exacta dos niños da especie”.
Desde ADEGA reclamamos:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal