ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O modelo de recollida de lixo de Bugallo impedirá...

25-05-2021

O modelo de recollida de lixo de Bugallo impedirá acadar os obxectivos europeos en materia de reciclaxe

ADEGA conclúe que o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Santiago previsto para os vindeiros 10 anos non conseguirá acadar os obxectivos fixados pola UE en materia de residuos. Tras revisar o novo prego de licitación para o servizo de recollida de lixo, comprobamos, unha vez máis, que o concello de Santiago de Compostela volve desperdiciar a oportunidade de apostar pola redución, reutilización e reciclaxe de residuos, ficando a compostaxe de forma anecdótica e relegada ao plan de melloras das empresas que consideren presentar.  

Hoxe en día a taxa de reciclaxe do concello de Santiago de Compostela non chega ao 20%, ou polo menos non chegaba no ano 2017, segundo os últimos datos que están a disposición pública. O concello compostelán está moi lonxe de cumprir os obxectivos que marca a lexislación europea en materia de recuperación de residuos fixados nun 50% para 2020, 55% para o 2025 e o 60% para o 2030. Malia que a concesión do servizo atinxe aos vindeiros 10 anos, o novo prego non garante que se consigan acadar tales obxectivos, o que expón á veciñanza de Compostela a futuras posibles sancións da U.E.

Razóns que motivan a falta de efectividade do novo servizo de recollida

1. A bolsa de lixo estándar ten unha composición aproximadamente dun 40% de residuo orgánico, refugallo que só se recupera a través da compostaxe e se é recollido de forma separada en orixe.  

2. Aproximadamente en Compostela xéranse sobre 17.000 Tn de residuo orgánico e a nova planta de compostaxe de SOGAMA -o seu destino final- ten unha capacidade de 15.000 Tn, polo que, de partida, xa non se pode completar a total recollida desta fracción.  

3. Para a recollida do lixo, o concello compostelán aposta polo quinto colector voluntario. Ao non existir obrigatoriedade, o seu uso será anecdótico e duplicarase a recollida (incrementando o CO2 emitido á atmosfera derivado do transporte), xa que terán que ser recollidos dous colectores, o marrón e o verde.  

4. Non se aposta pola compostaxe comunitaria, quedando relegada aos 3 puntos ou áreas de compostaxe existentes, que poderían ser incrementadas até 15 illas de compostaxe. Como dato ilustrativo, só no casco urbano de Allariz, con aproximadamente 3.000 habitantes, hai 25 áreas de compostaxe de maior capacidade que funcionan a pleno rendemento. Compostela tería capacidade para acoller polo menos 200 áreas de compostaxe comunitaria. Os residuos orgánicos trátanse en proximidade e serían xeradores dun maior número de postos de emprego. A sociedade está preparada e demanda este tipo de xestión, posto que cando se instalaron as tres primeiras illas houbo lista de agarda de persoas que querían compostar os seus residuos e que nunca se atenderon. 

5. A compostaxe doméstica tamén continúa a ser voluntaria e non se percibe incremento de áreas de colectores de reciclaxe no rural.

Facer partícipe á cidadanía, compostaxe e educación ambiental

Unha xestión sustentábel dos residuos urbanos, cuxo obxectivo principal e real sexa a reciclaxe, debe facer partícipe a toda a sociedade, ademais de:  

- Ter un carácter de obrigatoriedade na separación selectiva en orixe.
- Apostar pola educación ambiental.
- Contemplar unha planta de compostaxe comarcal que asuma todos os residuos orgánicos do concello.
- Apostar pola compostaxe individual, comunitaria e a recollida porta a porta da fracción orgánica.
- Reducir colectores de resto e incrementar os colectores de reciclaxe.
- Promover campañas para reducir a xeración de envases.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal