ADEGA

Inicio / Campañas / Campaña a prol da redución, reutilización e...

Campaña a prol da redución, reutilización e reciclaxe dos residuos

Iniciativa Lexislativa Popular a prol das 3 Rs

ILP contra a incineración e pola aplicación efectiva dos 3R

Esta nova campaña nace como resposta ao anuncio da Consellería de Medio Ambiente do Partido Popular sobre a construción dunha segunda incineradora para o sur da Galiza. Esta nova planta de queimar residuos conleva un forte rexeitamento social, sobre todo a nivel local. Dende o movemento ecoloxista quixemos darlle unha visión máis ampla, por riba dos localismos e centrar o debate no tratamento do lixo. Así, iniciáronse os trámites para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) cuxo obxectivo foi principalmente facer cumprir a normativa europea no marco legal dos residuos, onde se prioriza a reciclaxe e a compostaxe, penalizando a incineración.

Lembremos que esta é a segunda ILP arredor dos residuos que se promove en Galiza. A primeira foi ante a construción de SOGAMA, no ano 95, que foi referendada por máis de 50.000 sinaturas en todo o país. A última iniciativa lexislativa levou como titulo "ILP para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza".

Moitas entidades do movemento ecoloxista e social participaron neste proceso de recollida de sinaturas, chegando a acadar máis de 20.000 apoios. Pero, de novo, ao igual que en 1995, esta ILP foi rexeitada no Parlamento galego o pasado 14 de maio de 2013, cos votos negativos do PP.



A comisión promotora da ILP contra a incineración e pola reciclaxe participou na conferencia de "ZERO WASTE" no Parlamento Europeo.

Unha delegación galega integrada por membros da Comisión Promotora da ILP, convidada polo BNG e polo grupo Verdes-ALE do Parlamento Europeo, participou na conferenza "ZERO WASTE" que reuniu en Bruxelas o 7 e 8 de marzo de 2013 a organizacións de todo o mundo.

Tratouse de partillar experiencias e artellar propostas para conqueirir unha incineración/vertido CERO á hora de tratar os nosos refugallos. Neste evento no que se debateu sobre as políticas europeas de xestión de residuos, amosouse tamén a catastrófica xestión dos residuos de SOGAMA en Galiza aos asistentes e ao comisario de medio ambiente Janez Potocnik, aos que tamén se  presentou a ILP galega que colleitou máis de 21.000 sinaturas de apoio.

Xornadas e proxectos

Dende ADEGA seguimos traballando en positivo e promovendo a nivel local que se fagan políticas a prol da compostaxe. Dende o eido da educación ambiental desenvólvense programas de compostaxe caseira en diferentes concellos. Esta iniciativa de ADEGA comezou en 2002 cun programa piloto de compostaxe caseira no concello de Ferrol e a día de hoxe xa levamos máis de 3.000 composteiros instalados nuns 40 concellos.

O obxectivo xeral deste proxecto é demostrar a viabilidade da compostaxe para recuperar a materia orgánica que desbotamos no lixo e superar a desconfianza da administración a este tipo de xestión de residuos.

A día de hoxe a primeira premisa está mais que superada e na segunda, seguimos traballando. A finais de 2013, ADEGA organizou un Foro Europeo en Pontevedra baixo o título: “Cara unha sociedade da reciclaxe: iniciativas e experiencias”. Durante dous días poidemos escoitar moitas experiencias exitosas relativas á compostaxe e á reciclaxe de residuos, tanto do noso país como de Cataluña, Euskadi, Madrid ou Italia.

Estas xornadas serviron para animar a xestores da administración local a dar un paso adiante na aposta por proxectos de compostaxe comunitaria, ou incluso de plantas de compostaxe a nivel local co obxectivo de descentralizar a xestión dos refugallos, facéndose máis autónomos. Ademais, non debemos esquecer que este tipo de políticas reverten no fomento do emprego local, polo tanto, axundan a incentivar a economía local. 

No mes de novembro de 2015 organizamos xunto a Deputación de Lugo unhas xornadas sobre experiencias prácticas de compostaxe Con esta inciativa, ADEGA e a área de medio ambiente da Deputación de Lugo queremos animar aos concellos, mancomunidades e deputacións a poñer en marcha proxectos de compostaxe, ben sexa domiciliaria, comunitaria ou en pequenas plantas, coa idea de aproveitarmnos este valioso recurso -a materia orgánica dos residuos- e evitar que sexa incinerada ou vertida como acontece en SOGAMA. De paso, e cos diversos sistemas para aproveitar este elemento e convertilo en compost, os concellos aforran cartos e contribúen a loitar contra o cambio climático, devolverlle a fertilidade á terra e aos montes, pechar ciclos produtivos nas áreas rurais... en definitiva, beneficiar á cidadanía e ao medio ambiente.

http://www.adega.gal/novas.php?id=414&idioma=gl&sec=116

Proxectos de compostaxe

Actualmente estamos traballando en varios concellos e en diferentes proxectos:

Allariz: compostaxe caseira e instalación de 24 illas de compostaxe comunitaria

San Sadurniño: segunda ruta de recollida porta a porta e compostaxe caseira

Cerdedo: Reparto de 75 composteiros individuais e recollida de restos vexetais

Cedeira: Reparto de 35 composteiros individuais

Dentro da campaña para mellorar a xestión dos residuos na Galiza, a delegación de ADEGA - A Coruña coa colaboración do profesor na UDC e especialista na xestión de residuos, Manuel Soto, está a reivindicar á administración local e aos resposábeis da planta de Nostián a mellora na xestión dos residuos da comarca. Para esta finalidade, elaborouse o manifesto "Nostián, solución!", que foi asinado por varias asociacións ecoloxistas, sindicatos, cooperativas de consumo e colectivos sociais da Coruña.


Por outra banda, ADEGA estableceu un acordo de colaboración coa ONG Equus Zebra para a recollida de roupa e calzado en desuso nos seus locais de Compostela e Lugo. Tan só en 1 ano, ADEGA recolleu nas súas sedes 3 toneladas de roupa que, posteriormente, Equus Zebra se encarga de recuperar.

Denuncia en Europa contra a política de residuos da Xunta

En maio de 2013, colectivos ecoloxistas e sociais integrados na Plataforma Galega contra a Incineración e pola reciclaxe, apoiados pola parlamentaria Ana Miranda do grupo Verdes-ALE, presentamos unha denuncia contra a política de residuos da Xunta a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo polo incumprimento sistemático de 3 Directivas europeas (de Vertidos, de Envases e Marco de residuos).

En vista de que a Xunta persiste en defender a incineración e o vertido de SOGAMA como opción prioritaria para o tratamento dos residuos, subvertindo a xerarquía de tratamento e incumprindo, nada menos, que 3 Directivas, as organizacións integradas na Plataforma galega contra a Incineración pedimos ante a Comisión e o Parlamento Europeo que:

-Avalíen negativamente o vixente PXRUG 2010-2020 (Plano de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza)por non ser conforme a xerarquía de residuos (Artigo 4 da Directiva 2008/98/CE), ao principio do poluidor-pagador (Artigo 14), e á promoción de medidas de prevención e preparación para reutilización e a reciclaxe (Artigos 9 e 11).

-Cualifiquen as instalacións de SOGAMA (pretratamento, elaboración de combustíbel e incineración) como instalacións de eliminación e non de valorización, tendo en conta que a eficiencia enerxética está no rango de 0,25 a 0,32, por tanto moi inferior ao valor mínimo de 0,6 establecido pola Directiva 2008/98/CE (Anexo II, R1).

-Rexeiten a unha nova planta incineradora e a notificación de que no ámbito de Galiza o cumprimento dos obxectivos de xestión da normativa europea requiren incrementar a prevención, a reutilización e a reciclaxe e reducir a incineración e o vertido (Artigos 11 da Directiva 2008/98/CE e Artigo 6 da Directiva 2004/12/CE).

-Rexeiten calquera financiamento de medidas, actuacións ou instalacións relativas á xestión de residuos que non se correspondan estritamente aos obxectivos de prevención e preparación para a reutilización e a reciclaxe.

-Adopten medidas sancionadoras para a Xunta de Galiza polas actuacións en materia de residuos nos últimos anos desde a entrada en vigor das Directiva 94/62/CE, Directiva 1999/31/CE, Directiva 2004/12/CE e  Directiva 2008/98/CE contrarias aos obxectivos establecidos nestas directivas e polo uso de fondos comunitarios para financiar a eliminación de residuos.

-Esixan á Xunta revisar o modelo centralizado de xestión dos residuos en Galiza, habida conta da ineficiencia do programas de recollida selectiva no ámbito SOGAMA, en particular do programa de recollida de residuos de envases, que presenta unha moi baixa eficiencia (7,4% de recuperación en 2011) e un moi elevado custo económico e consumo enerxético (de máis de 132 kg de gasóleo por t de residuos de envase recuperados, só na recollida e transporte). Reclámase a aplicación da análise do ciclo de vida prevista no Artigo 4, punto 2, da Directiva 2008/98/CE.


Descargas

Vídeos

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal