ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Bicicletada e DJ Sessión polo río...

11-06-2016

Bicicletada e DJ Sessión polo río Miño en Lugo

A plataforma “Lugo de cara ao Miño”, conformada por máis de 20 organizacións sociais de Lugo, entre as que está ADEGA, e nacida a finais do ano pasado co obxectivo de achegar a cidade de Lugo ao seu río e promover a súa defensa, convida a todas as veciñas e veciños de Lugo a participar nunha festa a ceo aberto o vindeiro sábado, 11 de xuño, de 18 a 22 horas, no parque do Pazo de Feiras de Lugo.  

O evento estará aberto a todo o público que queira asistir co obxectivo de celebrar o grande privilexio que como lucenses temos de contar cun elemento e un recurso natural tan importante e imprescindible para Lugo como é o río Miño. Tamén celebraremos os avances que se están a dar na defensa do noso río e dos seus valores naturais e en contra de proxectos que só benefician os intereses privados, grazas á mobilización social e veciñal de Lugo.  

O acto comezará cunha bicicletada na defensa do Miño, organizada por Masa Crítica de Lugo, tamén membro da plataforma, que sairá ás 17 horas desde o Concello de Lugo e que rematará ás 18 horas nas inmediacións do parque do Miño, a carón do Pazo de Feiras. Alí, a continuación, dará comezo unha DJ session ou concerto de música electrónica que mesturará estilos modernos como Roots, Reggae, Dub ou Steppa, a cargo dos DJ’s O.G. Selektah, Bass Bon e Amaterasu.  

Desde a plataforma “Lugo de cara ao Miño” anímámosvos a traer a merenda e a pasar unha xornada lúdica con nós, festexando a acción veciñal, desfrutando da diversidade cultural e creativa que nos define, respectando a contorna e defendendo o Ben Común. O concerto rematará ás 22 horas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal