ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Plantación de eucaliptos na Muralla de Lugo

18-06-2016

Plantación de eucaliptos na Muralla de Lugo

As asociacións  ADEGA, Cultura do  País e Mariña Patrimonio organizamos para o sábado 18 de xuño unha plantación de eucaliptos no adarve da muralla de Lugo. Con este acto pretendemos visibilizar a destrución masiva e indiscriminada do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria forestal.  

Aproveitando a xornada de festa do Arde Lucus, na que moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta, os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterémonos por uns momentos en axentes da industria do eucalipto. Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de “ningún xacemento sen eucaliptos”, procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal, farémolo sen pedir permiso a Patrimonio.  

A actividade do 18 de xuño terá lugar ás 13.00h no adarve da muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. A continuación haberá un xantar de confraternidade no Lar de Cultura do País. Para rematar a xornada, tras  o xantar faremos unha visita guiada a Adai para coñecer o seu impresionante patrimonio arqueolóxico.  

As persoas que desexen participar no xantar e/ou na visita guiada, deberán anotarse en culturadopais@gmail.com ou mr.patrimonio@gmail.com ou no tfn. 619 553 236 (Miguel).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal