ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Debate-coloquio sobre o eucalipto en Castro Verde...

07-06-2016

Debate-coloquio sobre o eucalipto en Castro Verde (Lugo)

Varias organizacións, entre elas ADEGA, preocupadas pola problemática do eucalipto e por facer reflexionar a sociedade sobre todas as inquietudes que suscita este modelo forestal e de desenvolvemento rural, organizan para este martes, 7 de xuño, ás 22.00 horas, no Colexio Público de Castro Verde un debate-coloquio sobre a problemática do eucalipto. Neste debate participarán tanto personalidades que defenden a explotación dos montes galegos con eucalipto como aqueloutras que apostan por restrinxir  este tipo de plantacións.

A pretensión é suscitar un debate san, construtivo e non sesgado, que amose os dous posicionamentos e que axude aos asistentes a obter o coñecemento suficiente para poder formarse unha opinión crítica e clara ao respecto deste asunto. E para iso, contaremos coa intervención dos profesores da Escola Politécnica de Lugo, Antonio Rigueiro e Manuel Marey e o enxeñeiro agrónomo  e licenciado en Dereito Miguel Álvarez. O moderador da mesa será o maxistrado Luis Villares Naveira.

Esta idea xorde tras a mala impresión que estas entidades e parte da veciñanza sacamos dunha asemblea veciñal convocada pola alcaldía de Castro Verde o pasado mes de abril para tratar a problemática suscitada polo borrador do decreto polo que se pretenden regular as novas plantacións de eucaliptos en Galicia. Algúns veciños/as e asociacións preocupadas  polo particular, consideramos que, lonxe de informar detalladamente da situación aos veciños, o goberno local tratou simplemente de implicalos acriticamente na constitución dunha plataforma pro-eucaliptización, utilizando argumentos vagos e sen outro fundamento económico crible que o interese pecuniario dos seus promotores. O ambiente da reunión resultou mesmo intimidatorio para as voces que simplemente solicitaban información detallada sobre o borrador ou sobre a problemática en cuestión (que foron convidadas a abandonar a xuntanza), ou directamente descalificatorio e insultante para quen, a pesar de estar ausente, expresara a súa desconformidade.

Aínda que respectamos esa iniciativa, consideramos que a forma de informar aos veciños/as sobre a problemática actual do eucalipto foi desacertada e que mesmo se deu por sentado publicamente que toda a veciñanza de Castro Verde apostaba pola plantación indiscriminada de eucaliptos no noso concello. Nada máis lonxe da realidade. Unha parte da veciñanza non concorda co posicionamento oficial do concello de dar vía libre e sen restrición ao cultivo de eucaliptais, xa que alén do carácter do rédito inmediato e particular deste modelo de explotación forestal, coidamos que a industria e o negocio do eucalipto ten outras implicacións de calado para a nosa sociedade de carácter social, ambiental ou para o futuro do medio rural galego que tamén deberían ser postas sobre a mesa.

Lamentamos tamén que teñan que ser os propios veciños e veciñas de Castro Verde, coa axuda de diversas organizacións sociais, as que se vexan obrigadas a favorecer este tipo de debates abertos e participativos, cando tería que ser o propio goberno municipal o encargado de impulsalos como órgano que representa a toda a veciñanza coa súa pluralidade de vontades, sexa ou non sexa votante do partido que goberna.

Colaboran cos veciños/as de Castro Verde na organización deste acto os colectivos: Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Cultural A Chave das Noces e Asociación Cultural O Forno da Vella.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal