Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

24/03/2023   [00:10:00]   [6.54 MB]

Boletín informativo ambiental 24/03/23

A Coordinadora Eólica Así Non convoca unha nova mobilización galega para o domingo 23 de abril, contra o actual modelo depredador e especulativo da enerxía eólica. O acto convida a "rodear" a Xunta literalmente, facendo unha cadea humana ao redor do edifico de San Caetano, en Santiago de Compostela. Doutra banda, o presidenta Rueda muda de idea e agora si que contempla a creación dunha empresa público-privada para participar en proxectos de enerxías renovables para "que os beneficios das enerxías renovables e minaría revirtan na sociedade galega". E esta semana publicáronse novos datos do panel de expertos sobre cambio climático. Escoita integramente este boletín informativo, dándolle ao "play".

09/03/2023   [00:10:00]   [6.92 MB]

Boletín informativo ambiental 10/03/23

ADEGA traslada a denuncia contra a Xunta por perdoarlle 12 millóns a Greenalia á Fiscalía Xeral do Estado, o sector do mar levántase contra a eólica mariña e os plans de ordenación do espazo mariño do Ministerio de Transición ecolóxica, e coñécese a sentenza de Ence que permite á pasteira permanecer na ría de Pontevedra ata 2073, e o voto particular dunha maxistrada que cre que esta decisión do Supremo impedirá a recuperación do dominio público e causará enormes custos a longo prazo. Estas entre outras moitas novas que nos deixa a semana no eido ambiental galego.

03/03/2023   [00:10:00]   [6.60 MB]

Boletín informativo ambiental 03/03/23

Como vén sendo habitual, a actual invasión eólica segue marcando a actualidade ambiental do país, pero esta semana, desde o ámbito mariño. O Ministerio de Transición Ecolóxica vén de aprobar o Plan de Ordenación Mariña que marca as zonas de implantacións dos macroeólicos no mar. Un plan que ofrece repulsa absoluta no sector pesqueiro e oposición tamén desde terra. A semana tamén deixa novas positivas, como a declaración do Día do Naturalismo Galego ou a caída da cheminea da térmica de Meirama. Preme para saber máis!

24/02/2023   [00:10:00]   [6.50 MB]

Boletín informativo ambiental 24/02/23

Existe relación entre o veto á pesca de arrastre e os intereses do lobby enerxético? O sector do mar expón ao debate público esta cuestión ante a inminente aprobación do plan de ordenación do espazo mariño por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica. O PP do Parlamento veta tamén unha investigación sobre os plans industriais ligados aos proxectos eólicos que gañaron o concurso de 2010 e rexorden algunhas ameazas para o noso medio ambiente como a polémica mina de San Finx. Outras, sen embargo, decaen como a centra hidroeléctrica reversible da Baixa Limia denominada Salas-As Cunchas. Maís información sobre a contorna ambiental galega, aquí en Radio Cerna!

10/02/2023   [00:10:00]   [6.23 MB]

Boletín informativo ambiental 10/02/23

A sentenza do Tribunal Supremo autorizando a ENCE permanecer por outros 60 anos na Ría de Pontevedra cae como xerra de auga fría na cidade do Lérez e no resto do país. As reaccións negativas sucédense por parte das entidades ecoloxistas APDR, ADEGA e outras, así como parte do concello e de Greenpeace, entidades recorrentes. Doutra banda, a pasteira e a Xunta celebran con xúbilo a decisión do Tribunal. Mala nova para a defensa da terra e do monte, condenado a seguir sufrindo por décadas a lacra do eucalipto. A outra ameaza dos montes, a invasión eólica, segue o seu camiño. Porén, comeza a configurarse outro modelo enerxético alternativo ao actualmente imposto polo oligopolio a través da celebración das Xornadas "Temos Alternativa" da Coordinadora Eólica ASí Non. Unhas xornadas que resultaron moi exitosas e que dan pulo ao deseño da alternativa enerxética por parte do pobo galego. Coñece as novas ambientais da semana neste espazo de Radio Cerna...

03/02/2023   [00:10:00]   [6.55 MB]

Boletín informativo ambiental 03/02/23

Tras aprobación en bloque de 77 declaracións de impacto ambiental favorables de proxectos eólicos pola Xunta a pasada semana, comezan a aparecer novas autorizacións destes proxectos industriais no rural galego. ADEGA chama a atención sobre a situacion do parque eólico de O Picato, o primeiro de Lugo, situado nunha zona de protección da avifauna e a poucos metros de dous Patrimonios da Humanidade, a Muralla de Lugo e o Camiño de Santiago. Esta fin de semana, a Coordinadora Eólica Así Non convida á construción colectiva dun modelo enerxético alternativo no Pazo de Cultura de Pontevedra. E no día mundial das zonas húmidas toca volver tirar das orellas á Xunta, que leva máis de 15 anos esquecéndose de protexer estes valiosos ecosistemas naturais, e de novo salta a alarma sobre as bombas biolóxicas das granxas de visón. Desta volta, como transmisoras da gripe aviar. Todas estas novas e máis, en Radio Cerna!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal