ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Tribunal Supremo declarou ilegal a...

20-09-2018

O Tribunal Supremo declarou ilegal a fragmentación de parques eólicos como os de Ordes ou Coristanco

A estratexia de dvidir un único parque eólico en varios pequenos para acadar facilidades de tramitación e furtar unha análise ambiental axeitada, tal e como está a acontecer en Coristanco e Ordes, é ilegal segundo o Supremo.

Tras a aprobación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, coñecida poluparmente como "Lei de depredación", estamos asistindo a unha auténtica enxurrada de proxectos, nomeadamente parques eólicos, aproveitando as facilidades administrativas que propicia esta norma.
Para o caso das instalacións eléctricas, os proxectos que sexan declarados "de especial interese” gozarán dunha tramitación prioritaria e verán reducidos á metade os prazos de instrución, alén de que automaticamente terá prevalencia a utilidade pública destas instalacións por riba de calquera outra utilidade pública.

Algunhas empresas eólicas con megawatios adxudicados no último concurso están a solicitar á Xunta esta declaración "de especial interese", para deste xeito ver priorizados os seus proxectos, gozar das referidas prebendas administrativas, dificultar a participación pública e neutralizar calquera oposición.
É o caso dos recentes parques promovidos por Green Capital Power (parques "Monte Inxerio" e "Gasalla") en Ordes, Cerceda, Mesía e Frades; e Greenalia Power (parques "Campelo", "Bustelo" e "Monte Toural"), en Coristanco, Carballo e Santa Comba.

A fragmentación artificial, unha trécola ilegal segundo o Supremo

Mesmo algunha destas empresas, caso de Green Capital Power, renunciaron a tramitar un parque eólico no Ministerio (proxecto "Ardemil"), para presentalo "despezado" en parques de menos de 50MW ("Monte Inxerio" e "Gasalla") na Xunta, e así beneficiarse das prebendas administrativas que Feijóo instituíu coa Lei de depredación.
Pola súa banda Greenalia Power presentou 3 parques eólicos (Campelo, Bustelo e Monte Toural) de 42, 46,2 e 21 MW respeitivamente, nunha mesma área xeográfica arredor do Monte Castelo e a lagoa de Alcaián, nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Usou como no caso anterior a trécola do "despece" para que cada instalación, contigua ás demais e que comparten infraestruturas e liña de evacuación, non supere os 50MW e, portanto, sexa tramitada pola Xunta atendendo ao réxime especial e cos beneficios antes referidos.

Esta estratexia de despece dunha mesma instalación noutras máis pequenas xa foi cuestionada por diversas sentenzas xudiciais e declarada ilegal polo Tribunal Supremo. O Supremo español argumenta por exemplo na sentenza de 30 de marzo de 2017 (STS 1390/2017 sala do contencioso administrativo) que:

  • Existíu unha fragmentación artificiosa do que debera ser un único parque eólico, e non se fixo a correcta calificación do réxime xurídico das instalacóns en función da potencia instalada.
  • A consideración separada dos parques impide ter en conta os seus efectos sinérxicos dende a perspectiva medioambiental.
A cuestión é que segundo a Lei 54/1997 do Sector Eléctrico, se un parque eólico supera os 50MW tramítao o Estado, e se a potencia está por baixo desta cifra faino a Xunta. Acontece que tanto no caso de Galiza como no de Castela-León, as lexislacións autonómicas son menos garantistas e proteccionistas dos interese públicos (ambientais, patrimoniais, etc.) que a estatal. Tal é  a razón pola que estas empresas están a fragmentar artificiosamente os seus proxectos para conquerir vantaxes administrativas, coa connivencia da Xunta.

Trátase dunha fraude en toda regra na que o perxuízo queda para os veciños e veciñas da zona afectada en particular e o interese público en xeral. Recomendamos pois a concellos e propietarios/as que tomen nota desta xurisprudencia, con vistas a impugnar uns proxectos trucados que con moita probabilidade a Xunta vai autorizar.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal