ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ENDESA usará unha vez máis o Eume como sumidoiro...

05-07-2017

ENDESA usará unha vez máis o Eume como sumidoiro ao baleirar de lamas tóxicas o encoro da Capela

Logo de 6 anos de trámites e múltiples mudanzas no proxecto, ENDESA vai conquerir que Augas autorice o seu proxecto de "modernizar" os desaugues do encoro da Capela, no Eume. Un xeito barato e rápido de desfacerse das lamas acumuladas no encoro logo de 40 anos da actividade da mina de lignito.
O problema é que os contaminantes atrapados nos sedimentos do vaso, poden rematar baixando Eume abaixo e ameazar a vida do río e os bancos marisqueiros da ría de Pontedeume.

Malia a ter curtocircuitado o Eume por máis de 50 anos nun treito de 3,4km, sen liberar o caudal ecolóxico, incumprindo as leis de Augas e Pesca Fluvial e sen facer o mantemento decenal do encoro da Capela para evitar a colmatación coas lamas do complexo mineiro, ENDESA vai ver premiado o seu desleixo para coas leis e o ambiente.
Resulta irónico que unha das razóns argumentadas pola empresa para "modernizar" as válvulas e baleirar as lamas sexa a de cumprir coa obriga de liberar caudal ecolóxico establecido no Plano Hidrolóxico de bacía (P. H. Galiza-Costa). Unha obriga que esqueceu sistemáticamente durante máis de 50 anos...

Riscos para o río, o Parque Natural das Fragas e os bancos marisqueiros

Tal e como manifestamos e dúas ocasións (2011 e 1014) os sedimentos depositados no muro do encoro seguen sen estar correctamente caracterizados. Ao longo de toda a vida útil da mina de lignito Endesa verteu no Eume augas de escorrentía da explotación mineira (fortemente ácidas e cargadas de metais), augas procedentes da estación depuradora, e moi probabelmente unha serie de reactivos e substancias perigosas hoxe prohibidas. Portanto, e previamente a autorizar a súa remoción, deberían analisarse nos sedimentos depositados no vaso os seguintes compostos: nitratos, fluoruros, cloruros, Fe, Mn, Cu, Zn, B, As, Cd, Cr total, Pb, Se, Hg, Ba, CN-, SO42-, PO43-, fenois, hidrocarburos disoltos ou emulsionados, HAP, plaguicidas totais, N total e substancias extraíbles con cloroformo, aliás do pH, osíxeno disolto e DQO.  

Á falta destas analíticas podemos presumir que a categorización dos sedimentos depositados no vaso, considerados pola peticionaria como “inertes non perigosos”, non é correcta. Á marxe dos residuos da extracción de minerais non metálicos (código LER 01 01 02, inertes non perigosos), existen cando menos outros dous tipos de resíduos non considerados e que deberían catalogarse como “non inertes perigosos”: os estériles ácidos pola transformación dos sulfuros -mineralizacións con arsenopirita e outros compostos de xofre- (código LER 01 03 04*) e outros estériles con substancias perigosas –nomeadamente As- (LER 01 03 05*).

A presenza destas tipoloxías de residuos vén corroborada pola natureza dos materiais xeolóxicos encaixantes da bacía lignitífera, e que en áreas próximas (río Chamoselo) e como consecuencia de obras de remoción de terras (construción da autovía Ferrol-Vilalba, 2008) produciron lixiviación por augas pluviais de noiros e taludes e unha forte acidificación e mobilización de metais. Estas augas contaminadas chegaron ao Eume através do Chamoselo (VER VÍDEO >>>) provocando en 2008 a mortandade de numerosos exemplares de salmónidos no treito baixo do Eume.

A administración debería considerar tamén a posibilidade de que logo de “liberados” os desauges do fondo do encoro, parte dos materiais presentes no vaso e non extraídos poderían remobilizarse polo fluxo de fondo. De tal xeito, cabe a posibilidade de que compoñentes do sedimento como metais pesados e outras substancias como HAPs, sexan arrastrados Eume abaixo.
Augas debería garantir, mediante analíticas e mostraxes suficientemente representativas ao longo de toda a canle do Eume e na ría de Pontedeume, que en ningunha das fases do proxecto, nen os efluentes nen o río Eume vai superar os valores de referenza dos contaminantes antes indicados.

Ademais, considerando que unha das características dos metais pesados é a súa bioacumulación nos tecidos dos organismos, en particular dos filtradores do medio bentónico, resultaría imprescindíbel monitorizar a concentración destas substancias nos bivalvos explotados nos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume antes e despois da entrada en funcionamento das novas válvulas. A este respeito, Augas lávase as mans por non ser da súa competencia a calidade dos bancos marisqueiros.

O máis fácil e barato para ENDESA: diluir as súas vergoñas no Eume

Como noutras ocasións, a empresa opta pola vía máis fácil e barata para cumprir coas súas responsabilidades ambientais. Ao igual que acontecera coa macro-balsa mineira (o mal chamado "lago" das Pontes), a solución é deixar que sexa o Eume o que dilúa as súas vergoñas.

ADEGA, AEMS-Ríos con Vida e Verdegaia temos solicitado á administración hidráulica que en vista da reiterada renuencia de ENDESA a cumprir as leis, inicie un procedemento de caducidade da concesión franquista (1953). A resposta de Augas foi que esta solicitude de caducidade non é o obxecto do actual procedemento... Facendo un símil automobilístico, Augas de Galiza pásalle a ITV a ENDESA esquecendo que circula sen seguro e carné dende hai máis de 50 anos.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal