ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Un castro recén inventariado en Mondoñedo...

15-03-2016

Un castro recén inventariado en Mondoñedo arrasado por unha plantación de eucaliptos

En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico en Mondoñedo coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.

Foi por iniciativa dos compañeiros e compañeiras de MariñaPatrimonio que este xacemento da idade do ferro, coñecido como o Castro do Monte da Arca de Argomoso, acadou a protección oficial, aínda que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro "Los castros y mámoas de Galicia" en 1876.

Tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.

Hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque e posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites. VER FOTOS (créditos: MariñaPatrimonio)

Dende ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de denunciar estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delicto contra o patrimonio cultural tipificado no Código Penal nos artigos 321 a 324.

Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non governamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico.

O máis grave é que non se trata dun caso illado: son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel como é o caso, polos labores asociados ao monocuiltivo do eucalipto. Paradoxalmente, moitas destas plantacións de eucaliptos son despois certificadas co selo FSC, que garante un aproveitamento forestal "sustentábel"...

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal