ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Ministerio denega unha megacentral de bombeo de...

16-02-2023

O Ministerio denega unha megacentral de bombeo de Naturgy na Limia alegada por ADEGA

A empresa quería alongar 40 anos a concesión, sen escada de peixes e sen controis de calidade das augas


A Dirección Xeral da Auga, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, vén de denegar a autorización para a construción central reversíbel Salas-Cunchas despois de 15 anos de trámites.
A peticionaria, Naturgy, á que en 2017 se lle concedeu unha DIA favorábel e en 2021 se lle autorizou unha prórroga de 2 anos para construir a central, pretendía que se eliminaran algúns condicionantes da autorización administrativa, en particular os relativos ao control da calidade das augas e á colocación de dispositivos para a conectividade fluvial, alén de alongar o periodo concesional dos 25 aos 40 anos.

Un proxecto delirante para seguir a espremer dúas concesións franquistas

Naturgy iniciou en 2008 os trámites para a construción dunha central de bombeo entre os "seus" dous encoros de Salas (outorgado 1949) e As Cunchas (outorgado 1942). A nova central en caverna, cunha potencia de 360 MW, faría preciso obrar durante 74 meses, xerar máis de 1 millón de metros cúbicos de entullos que acabarían estrados pola reserva da Biosfera Gerês-Xurés, e eliminar 153 hectáreas de hábitats protexidos alén de impactos sobre endemismos botánicos e especies en perigo de extinción, como a aguia real.

A exposición pública desenvolveuse en 2013, e daquela ADEGA presentara alegacións facendo fincapé nestes e outros impactos, así como nas contradicións dun proxecto que se presentaba como verde, mais que polas súas características e réxime de funcionamento só respostaba ao interese da empresa de maximizar os seus beneficios, acumulando en épocas de prezo baixo e turbinando cando o MW estivera máis caro. Alén disto, a principal eiva do proxecto era conectar un encoro fortemente eutrofizado e con graves problemas ambientais (As Cunchas, no río Limia) con outro (Salas, no río Salas) que daquela contaba cun bo potencial ecolóxico.

Sorprendentemente, en 2017 o Estado concedeu unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel. Porén, Naturgy non fixo nada para executar o proxecto e en 2021 solicitou unha prórroga da validez da DIA. Novamente, ADEGA alegou e solicitou a caducidade do proxecto reiterando os riscos ambientais e as contradicións dun proxecto que a adxudicataria mantivo "conxelado" máis de 4 anos por puro cálculo empresarial. Malia a esta circunstancia, o Ministerio concedeu a Naturgy a prórroga solicitada, mais a Dirección Xeral da Auga estableceu unha seie de condicións para o cumprimento das determinacións establñecidas no Regulamento do DPH e nos planos de bacía.

Naturgy quería carta branca para xestionar os encoros ao seu antollo durante un mínimo de 40 anos

A empresa negouse a cumprir as condicións establecidas polo Ministerio na súa autorización, a maioría de carácter ambiental e orientadas a garantir o bo estado ecolóxico das bacías afectadas, xa que como sinalara ADEGA, o risco de eutrofización do encoro de Salas ao conectalo co das Cunchas, fortemente contaminado con nitratos e microcistina tóxica, era moi alto. Mesmo alegou que a mala calidade das augas nas Cunchas "no depende en ningún caso de las actuaciones de Naturgy".
Naturgy tampouco quixo modificar os dous encoros (Salas e Cunchas) para garantir a conectividade ecolóxica destes obstáculos, sen escadas de peixes nen outros mecanismos de permeabilidade. Para a empresa estas medidas eran "ineficaces y costosas".
Mais a principal eiva sinalada pola empresa foi o periodo concesional aprobado para o seu proxecto: 25 anos de vixencia. Segundo Naturgy, este tempo era "absolutamente insuficiente" para rentar o investimento, exixindo un mínimo de 40 anos.

ADEGA celebra a resolución pola que se denega este faraónico proxecto, mais chama a atención sobre dous preocupantes aspectos:
-A excesiva manga ancha dunha administración que primeiro autoriza unha obra con evidentes eivas amientais e logo cede aos intereses de Naturgy concedendo unha prórroga para evitar a caducidade da DIA. Manter 15 anos unha espada de Damocles sobre a Limia e o Xurés non é, malia á resolución final, un exemplo de boa xestión.
-A cobiza sen límites de Naturgy que pretendía desenvolver o seu proxecto de central de bombeo sen ningún tipo de controis ambientais e desentendéndose da súa responsabilidade polo estado do encoro das Cunchas. Ademais, non tiña abondo con explotar outros 25 anos esta infraestrutura, logo de que entre as súas concesións no Salas e Limia acumule 202 anos de explotación.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal