ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Fragas do Eume: recurtando a Rede Natura para...

07-07-2021

Fragas do Eume: recurtando a Rede Natura para facer sitio ao negocio eólico

O parque eólico Pena do Corvo, ás portas das Fragas do Eume, pretende situarse nunha área de ampliación da RN2000 que Feijóo ten conxelada dende 2011. Non sorprende que sexa de Iberdrola...

Este proxecto eólico, un da ducia longa (e contando) que ameazan a comarca do Eume-Ortegal, ten unha especial significación por situarse a escasos metros do Parque Natural das Fragas, abeirándoo polo Sul con 13 muíños de 180 m de alto, qulómetros de pistas, desmontes e unha liña de alta tensión de case 50 km até o Mesón do Vento.

A afectación destas instalacións ao parque das Fragas é brutal, atinxindo ademais á área de ampliación proposta polo bipartito en 2008 e asumida, anque mutilada, pola Xunta en 2011. O proxecto non só vai afogar aínda máis o xa maltreito Parque Natural das Fragas do Eume (masacrado por eucaliptos, incendios, encoros, minaría...), senón que tamén vai coartar as posibilidades de ampliación e impedir a conexión con outros espazos mediante corredores ecolóxicos.

Alén disto, as obras proxectadas desenvolveranse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios, fundamentalmente queirogais húmidos (NAT 4020*), aqueles que a Comisión Europea considerou imperativo preservar. Estes hábitats de matogueiras e brañas turbosas son chave para aumentar a resiliencia contra a mudanza climática e mesmo funcionan como sumidoiros naturais de carbono, fixando até tres veces máis CO2 que os bosques maduros. Paradoxalmente Iberdrola quere destruilos para "evitar a xeración de CO2" (e de paso engordar a súa conta de beneficios).

Consecuencias da aperta do Obradoiro: unha Rede Natura a medida das eólicas

Imaxe. Colectivo Terra

Arestora, a única limitación territorial para a implantación de parques eólicos é a Rede Natura 2000. O seu Plano Director recolle (art. 60) esta prohibición, agás nos casos dos repotenciamentos. Mais recentemente a lei de simplificación administrativa suprimíu a obriga de situar os parques dentro dunha ADE (área de desenvolvemento eólico), dinamitando o Plano Eólico ao deixar a discreción da Xunta permitilo ou non. Xa que logo, a Rede Natura 2000 configúrase como a única "liña vermella" fronte á invasión eólica.

Eis unha das razóns polas que esta figura de protección europea conta en Galiza coa menor superficie (12%) de todo o Estado (media 27%), maila a contarmos con máis biodiversidade que outros territorios. Tampouco é casual que, malia a existiren procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea pola baixa representatividade de determinados hábitats na RN 2000 galega, as propostas de ampliación desta rede leven conxeladas dende 2011. Mesmo o pasado ano coñecimos que a Xunta retirara definitivamente a ampliación da RN2000 que ía trasladar ao Ministerio para "recopilar la información base para una nueva propuesta".

Non cabe dúbida que a famosa "aperta do Obradoiro" entre Núñez Feijóo e o presidente de Iberdrola Sánchez Galán (que vén de ser imputado pola Audiencia Nacional no "caso Villarejo") ten moito a ver coa preguiza da Xunta en completar a Rede Natura 2000 e dotar aos espazos protexidos das ferramentas de xestión que garantan a súa conservación.
No caso das Fragas do Eume, a Xunta segue a demorar (e van xa 25 anos) a aprobación do PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión) do Parque Natural, perpetuando a situación cada vez máis crítica dun espazo que eléctricas e pasteiras consideran pouco menos que a súa finca particular.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal