ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta dá osíxeno á mineira de Touro...

04-11-2020

A Xunta dá osíxeno á mineira de Touro autorizándolle desviar temporalmente tres regos en espera dun novo proxecto

Augas de Galiza aproba o transvase temporal por 7 meses das augas de tres regatos contaminados á balsa de Vieiro, dando á mineira de Touro marxe para buscar unha "solución definitiva" ás augas contaminadas. Esta era a proposta que Explotaciones Gallegas S.L., socia de Atalaia Mining no proxecto de Touro, presentou á Xunta para abordar a contaminación provocada polas augas que proveñen das instalacións da antiga mina. Todo aponta a que outro proxecto mineiro está ao caer...

Augas contaminadas "de acó para alá"

Os regos Portapego, Felisa e Angumil drenan as entulleiras achegando acidez extrema e altas cantidades de metais pesados á bacía do Ulla. A idea da mineira era desviar estas augas á balsa de Vieiro, que tería capacidade para acollelas só durante 6,8 meses: algo así como agochar a contaminación debaixo da alfombra... Sobre o que acontecerá con esas augas logo dese tempo, se rematarán os bombeos voltando á situación actual ou se manterán enviando as augas contaminadas a outra balsa, nada se di. Tampouco se ten en conta que a balsa de Vieiro ten importantes filtracións que chegan ao río Brandelos, co que a contaminación duns regos vaise trasladar a outros.
E no proxecto de reapertura da mina as augas da balsa de Vieiro ían ser bombeadas ao dominio público como paso previo para explotar o oco...
Malia todo o anterior, Augas de Galiza vén de autorizar este proxecto de drenaxe temporal para dar á mineira (cita literal) "un pouco máis de marxe temporal para elaborar e executar o proxecto de drenaxe, tratamento e control de augas definitivo". Este proxecto definitivo deberá presentarse aos tres meses de iniciadas as obras da drenaxe temporal, para cuxa execución Augas dá un ano de prazo.

A mineira de Touro tivo case 40 anos para solucionar a problemática ambiental causada polas drenaxes ácedas das entulleiras e ocos mineiros sen restaurar. Agora a Xunta permítelle un parche temporal para este grave problema con data de caducidade: 12 meses para as obras e con 7 máis de operación. Que pasará despois? En que vai consistir ese "proxecto definitivo" que a Xunta xa pedira á mineira en novembro de 2018 e que esta non presentou, confiando en que a nova mina solucionaría o problema das escorrentías?

Indicios da reactivación do proxecto mineiro de Touro

A DIA (Declaración de Impacto Ambiental) negativa emitida pola Xunta en xaneiro deste ano, baseábase nos informes desfavorábeis de Augas de Galiza. As referenzas á insuficiencia de medidas para evitar a contaminación da bacía foron constantes e determinantes na avaliación negativa do proxecto conforme á "formulación actual". Con isto a Xunta indicaba claramente á empresa aquelas cuestións que tiña que "reformular".

Neste senso, a autorización deste proxecto de drenaxe temporal ben pode ser parte dun novo intendo da empresa de reabrir a mina de Touro. De entrada, dálle un prazo máximo de 18 meses (12 de execución e 6,8 de operación) para ir elaborando un novo proxsecto de explotación. E en apariencia, esta drenaxe temporal para acumular todas as augas contaminadas nun único punto e aplicar un tratamento "definitivo" aínda por determinar, podería ser a excusa da mineira para xustificar aquelas cuestións máis críticas sinaladas por Augas e que condicionaron a DIA negativa.

ADEGA xa advertíu de que unha DIA negativa non significaba a fin da ameaza mineira. O procedemento de actualización da mina de Touro non está pechado por parte do organismo substantivo (a D. X. de Enerxía e Minas). E a concesión de explotación segue estando en poder da mineira até o 2068, polo que nada impide que presente outro/s proxecto/s en calquera momento dese periodo.

Preocupa a manifesta intención da Xunta de facilitar ao máximo a tramitación destes proxectos axilizando trámites e eliminando "atrancos" administrativos, como voltou a anunciar Alberte Núñez Feijóo. Xa o fixo coa coñecida "Lei de Depredación" á que, desta volta e á diferenza da anterior ocasión, xa estarían sometidos os novos proxectos que presente a mineira. E baixo esta norma, as consideracións de Augas ou de calquera ouutro departamento xa non serían determinantes, e o proxecto mesmo podería ir adiante con informes negativos, e tramitarse na metade de tempo...

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal