ADEGA

Inicio / Novas / Todas / "Non é noso nin o que é noso"

27-05-2021

"Non é noso nin o que é noso"

Onte tivo lugar a cuarta das mesas redondas do ciclo “Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza”, que organiza a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Este encontro quixo dar voz aos colectivos de persoas afectadas por algúns dos parques eólicos en tramitación, contando coa participación de Carlos Penedo (Rede Galega por Un Rural Vivo), Araceli Macías (Rural Mutante), Alexandre Cendón (Asemblea do Suído) e Ariadna Fernández (afectada polos proxectos de Lalín). Ver aquí.

Carlos Penedo trasladou a situación dunhas das zonas máis afectadas de Galiza, a Costa da Morte, onde hai 19 parques eólicos en tramitación que suporían un “dano sería catastrófico”, afectando ao territorio e a paisaxe, en concreto á Lagoa de Traba, o Pozo da Lagoa de Corme, ás brañas de Gondomil, os Penedos de Pasarela e Traba, ao monte As Salgueiras, ao Monte Branco, ao esteiro do Anllóns e aos cantís do Canteiro. Reivindica, polo tanto, a Costa da Morte como espazo de especial protección e zona de exclusión eólica.

Ademais, denuncia que “de norte a sur, de leste a oeste, o noso territorio é un polígono industrial eólico” froito da desplanificación e dunha estratexia política ao servizo do capital que a fin de contas compromete unha transición enerxética ordenada e xusta que camiñe cara o autoconsumo e produción a pequena escala.

Araceli Macías, membro de Rural Mutante, achegou a sensibilidade e inquedanzas da xente nova que vive nas areas de montaña interior. Incide en que se trata dunha zona xa despoboada e alerta da desconexión que existe entre a terra e a xente nova, educada para “non depender da terra” e do “afastamento ideolóxico” referido a un “cambio na forma de entender o mundo e o que é noso”.

Nesta mesma liña apunta que a esta poboación nova sinte non ter “poder de decisión sobre o que ocorre no lugar que habitamos” e denuncia que este monocultivo enerxético non ofrece un lugar para consolidar un proxecto de futuro.

Polo súa banda, Alexandre Cendón, da Asemblea do Suído, recordou que esta zona fora xa proposta para integrarse na Rede Natura, á vez que é unha das áreas máis afectadas polos proxectos eólicos e que tamén maior contestación social está a ter. Indica que o Suído ten hábitats de interese comunitario entre os que destacou as turbeiras, en perigo de extinción, que nutren de auga a moitos ríos principais, entre eles o Oitavén, fonte de auga para consumo de toda a área metropolitana de Vigo, tendo polo tanto unha importancia estratéxica. Falou tamén da presenza de aguia real, voitre negro, miñatos, etc. e dos valores culturais da zona, posuidora dun rico legado gandeiro, que se vería afectado.

Destaca que a “estratexia da Xunta segue as pautas das empresas do grande capital, a lóxica da rendabilidade... a mesma a lóxica que nos levou a esta crise ecolóxica” e avoga por ser conscientes de que debemos abrirlle a porta á enerxía eólica e a unha maior electrificación pero tendo “zonas de exclusión, traballando por un menor consumo e por instalacións a pequena escala”.

Por último, Ariadna Fernández, afectada polos eólicos proxectados para Lalín, representou a voz das áreas agrogandeiras, poñendo o acento en que o parque Monte dos Porcallos ocupa terreos de alta poboación e alto valor produtivo, vinculados a explotacións agropecuarias e suxeitos PAC. “Están, polo tanto querendo ocupar con eólicos terra rica en recursos, mananciais, fontes...”.

Recoñece que na zona hai “medo a ternos que ir e non poder continuar coa actividade económica que desenvolvemos” ademais de sentir que desde a Xunta se “infravalora e debasta o territorio”, onde, como lle dicía unha veciña “non é noso nin o que é noso”, xa que “semella que que vivas nu sitio non ten importancia fronte a este oligopolio enerxético”.

A vindeira mesa redonda, “ Grupos políticos”, terá lugar o 2 de xuño ás 19.30 a través da web de ADEGA ou da canle de Youtube e nela participarán distintas forzas políticas con representación nas institucións galegas para expoñer as súas posturas ao respecto da actual vaga eólica e as súas repercusións sobre o territorio galego:
• Marta Novoa, Voceira de Enerxía do Grupo Parlamentario do PP.
• Noa Presas, Voceira de Enerxía do Grupo Parlamentario do BNG.
• Pablo Arangüena, Voceiro de Medio de Ambiente do Grupo Parlamentario do PsdG. • Antón Sánchez, Voceiro Nacional de ANOVA.
Modera: Verónica Torrijos, ADEGA.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal