ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Impactos da eólica sobre a biodiversidade,...

14-05-2021

Impactos da eólica sobre a biodiversidade, deficiente estado da Rede Natura e falta de zonas de exclusión

O pasado mércores 12 de maio tivo lugar a segunda das xornadas do Ciclo de mesas redondas “Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza” centrándonos nos impactos que esta implantación rápida, masiva, desproporcionada e irracional provoca na Biodiversidade. Contamos coa participación de Óscar Chao do Proxecto Rebinxe, Roberto Hermida da Asociación Morcegos de Galicia, Óscar Rivas da Sociedade Galega de Ornitoloxía e Emilio de la Calzada da Plataforma en Defensa de la Coordillera Cantábrica. 

Óscar Chao, revisou os impactos que este tipo de instalacións xeran sobre o medio, a raíz en moitos casos da antropización de zonas ás que antes era difícil chegar e nas que agora a presenza humana é maior. Impactos que nalgúns casos non son tan obvios, e que a falta de estudos de calidade previos, son difíciles de probar ou cuantificar. Mencionou a campaña publicitaria con estudos que non se sosteñen, cun obxectivo claro de lavado de cara.  Ademais, expuxo a análise que fixo o colectivo sobre os parques previstos sobre as zonas do que era a ampliación da Rede Natura, que en caso de aprobarse non terían cabida.

A seguinte quenda foi a de Óscar Rivas, da SGO, que incidiu nos impactos aditivos que ten esta implantación aos efectos da enerxía hidráulica que supuxo a destrución de ríos e vales e tamén aos efectos da eucaliptización. Recalcou a destrución directa de hábitats que se está a producir, polo que amosaron a súa oposición á implantación actual, propoñendo zonas de exclusión, fundamentalmente nas montañas orientais, pero tamén noutros lugares, con valores paisaxísticos de importancia (Penedos de Traba), as zonas que estean dentro do Plan de Conservación de especies, zonas IBA (Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade) e zonas ZIM (Zonas de Importancia para los Mamíferos).

Pola súa banda, Roberto Hermida da Asociación Morcegos de Galicia, expuxo a situación desta especie, que pese a ser un dos grupos de mamíferos con máis problemas de conservación, e así está recollido na lexislación, non hai ningunha exixencia por parte da Xunta para que se contemple nos estudos de impacto ambiental. Apoiado cos datos de estudos feitos en Norte América, expuxo que os eólicos a nivel mundial, son a causa principal da mortaldade dos quirópteros, e a actual implantación eólica pode ter graves consecuencias nestas poboacións. Ademais de indicar as peculiaridades principais que deben terse en conta cando se fala da afección dos eólicos nos morcegos, segundo se recolle na publicación de Arnett.  
Dende a asociación están en conversas coa Xunta para que se implanten unhas directrices claras para facer os estudos de impacto ambiental, xa que debido á falta de exixencia por parte da administración, os estudos que se están a presentar son de moi pouca calidade, e non recollen a realidade.

A última intervención foi a de Emilio de la Calzada, en representación da PDCC, que falou dos impactos dos proxectos eólicos, estudando o caso concreto do parque eólico de Barxas, en todas as fases do proxecto e de todas as infraestruturas e intervencións, que non sempre son avaliadas, nomeadamente as gabias das canalizacións, as canteiras para extraer o material das rodeiras e que moitas veces quedan abandonadas, e os impactos sobre a capacidade hídrica,  sendo as montañas as nacentes dos ríos, as novas gabias non permiten que a auga se infiltre no terreo, nas mesmas zonas onde a perda da vexetación provocará unha maior evaporación nos tempos de sequía.

Durante a súa intervención tamén expuxo o crowfounding para o Fondo para a Defensa Xurídica da Coordilleira Cantábrica. A modo de conclusións, todos coincidiron na necesidade de ampliación da Rede Natura, e zonas de exclusión da enerxía eólica, así como de estudos previos da zona feitos con independencia do promotor do parque eólico.


Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal