ADEGA

Inicio / Buscador / ADEGA e o FDXCC presentan unha batería de...

20-01-2022

ADEGA e o FDXCC presentan unha batería de contenciosos xudiciais contra os parques eólicos da ex-conselleira Beatriz Mato

Son os primeiros contencioso-administrativos que se presentan á cargo do Fondo na Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica.

A asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), en representación de todas as entidades promotoras do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), veñen de presentar tres recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a aprobación por parte da Xunta doutros tantos parques eólicos promovidos por Greenalia, a empresa da ex-Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

O financiamento dos tres procesos xudiciais farase con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e das súas entidades promotoras (ADEGA, SGO, PDCC, a  Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos). Son as primeiras iniciativas xudiciais relativas a proxectos concretos que se promoven a través  deste Fondo, recadado a través de micromecenado ou “crowfunding”, que conqueriu reunir máis de 49.000€ nun tempo récord, superando o obxectivo inicial previsto de 40.000€. Tamén serían os primeiros recursos contencioso-administrativos con cargo ao FDXCC que se impulsan en Galiza.

Un dos principais obxectivos do FDXCC é o de promover accións legais no ámbito xudicial europeo, estatal e autonómico exemplificativas que contribúan a defender a sociedade e a contorna ambiental dos territorios que atinxen á Cordilleira Cantábrica, fronte a actual avalancha de macroproxectos de enerxía eólica.

O trío "Campelo – Bustelo- Monte Toural": Fragmentación, ampliación Rede Natura e endemismos

Os parques eólicos recorridos en contencioso son os denominados “Campelo”, “Bustelo” e “Monte Toural” que afectan os concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Sitúanse todos nunha mesma área xeográfica, arredor da Lagoa de Alcaián, e partillan accesos, liñas de evacuación e estación transformadora. O Consello da Xunta de Galicia declarou aos tres en maio de 2018, e no mesmo acto administrativo, como “proxectos de interese especial". Esta categoría, recollida na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como "Lei de depredación", implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución, alén de que automaticamente prevalece a utilidade pública dos parques eólicos sobre calquera outra. 

Un dos principais argumentos xurídicos que fundamentan a presentación destes recursos contencioso-administrativos é a existencia dunha clara fragmentación artificiosa dunha única instalación ou central eólica despezada en tres proxectos para non superaren individualmente os 50 MW e seren tramitados pola Xunta, beneficiándose do procedemento “exprés” e das prebendas lexislativas aprobadas por Núñez Feijóo. O despece dun mesmo proxecto en varias partes pretende, ademais de vantaxes para o promotor, furtar unha correcta avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos das instalacións sobre hábitats, especies, paisaxes, servizos ecosistémicos... É unha manobra fraudulenta da que a Xunta é cómplice e que prexudica o interese público e mesmo os intereses particulares: fragméntase tamén a posíbel oposición e lesiónase o exercicio dos dereitos cidadáns de información e participación pública, prexudicando o interese xeral e os particulares que ven mermada a súa capacidade de resposta e negociación coa promotora.

Ademais da fragmentación artificial, sobre a que existe xurisprudencia recente do propio TSXG, as tres instalacións promovidas pola empresa da ex-conselleira Beatriz Mato sitúanse sobre unha área proposta en 2008 e 2011 para incorporarse á Rede Natura 2000, que acubilla ademais endemismos botánicos únicos. Trátase da Centaurea ultreiae Silva Pando, planta catalogada “en perigo crítico de extinción” e cuxa única poboación mundial se compón tan só de 6.821 individuos, todos nuns 10 Km cadrados sobre os que a Xunta vén de autorizar estes tres parques eólicos. Cabe destacar que a Consellaría de Medio Ambiente coñecía a presenza destes endemismos através do "Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)", documento elaborado en 2010 para a protección destas especies, e que doce anos despois a Xunta aínda non aprobou. Curiosamente a empresa eólica, sendo aínda conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, puido acceder a este e a outros documentos técnicos non públicos, para poder “afinar” máis os seus proxectos.

Dende ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica agardamos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza tome en consideración estes recursos e aplique a súa propia recente xurisprudencia (parque eólico Sasdónigas I e II) para anular as autorizacións da Xunta. Agardamos tamén que estes recursos sirvan de precedente na defensa dos espazos que foron propostos como parte da Rede Natura 2000 ou daqueles outros que acubillen singularidades ambientais de especial relevancia como endemismos ou especies en perigo de extinción que se verían gravemente afectadas pola implantación destes macroproxectos eólicos. Non nos queda outro remedio que recorrer ao amparo da Xustiza para frear os atropelos da Xunta, máis preocupada por favorecer ás empresas amigas que por salvagardar o patrimonio natural e os dereitos da cidadanía.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal