Adega
INICIO Últimas novas Aviso a navegantes: Asinar informes contrarios ás leis ambientais para favorecer un proxecto, pode levar á cadea
Aviso a navegantes: Asinar informes contrarios ás leis ambientais para favorecer un proxecto, pode levar á cadea PDF Imprimir Correo-e
Envia Aviso a navegantes: Asinar informes contrarios ás leis ambientais para favorecer un proxecto, pode levar á cadea a FaceBookEnvia Aviso a navegantes: Asinar informes contrarios ás leis ambientais para favorecer un proxecto, pode levar á cadea a Twitter

31 de xaneiro de 2013. ADEGA está a exercer a acusación particular no proceso penal contra un funcionario (J.T.M.) acusado pola Fiscalía de "antepoñer os criterios comerciais aos ambientais", e emitir informes favorábeis á construción dunha piscifatoría en Rinlo (Ribadeo) na RN2000 e sobre hábitats prioritarios. Esta obra, promovida por Ramón Álvarez-Cascos, foi paralisada e denunciada por ADEGA en 2005-6, e finalmente declarada ilegal polo TSXG en 2009, que anulou a DIA e o acordo do Consello da Xunta de Fraga. Tras procesar tamén por prevaricación ao daquela Dir. Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental J.M. Álvarez-Campana, a Fiscalía acusa agora ao funcionario, daquela xefe do servizo de Conservación e Biodiversidade por motivos similares. Dende ADEGA queremos lanzar un aviso a quenes dende a administración, e ignorando a obriga de cumprir as leis  que protexen a nosa biodiversidade máis fráxil, avalan cos seus informes proxectos manifestamente incompatíbeis coa conservación destes valores. Prevaricar contra o ambiente non pode quedar impune!

Esta iniciativa da Fiscalía abre de novo a vía penal, logo de ter imputado por prevaricación a J.M. Álvarez-Campana, daquela Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. É a continuación dun longo proceso xudicial iniciado trala denuncia de ADEGA contra as actuacións da Xunta e ACUINOR no caso da piscifatoría de Rinlo (LIC As Catedrais). Até hoxe, os tribunais viñeron dando sistemáticamente a razón a ADEGA: primeiro, absolvendo aos nosos activistas dunha denuncia penal por coaccións tras paralizar as obras ilegais da piscifatoría; a continuación, acordando unha decisiva -pois do contrario quedaría desvirtuada a anulación do DIA- paralización cautelar das obras; logo, desestimando a demanda civil interposta por ACUINOR reclamando a ADEGA unha indemnización de 30.000 € e, finalmente, anulando a DIA e as licenzas de obra e actividade do proxecto, así como o proxecto sectorial.

Como consecuencia da actuación chafalleira e ilegal da Xunta, ACUINOR reclamou 7,3 millóns de € á administración en concepto de danos e perxuízos por non poder facer finalmente a piscifatoría. O TSXG ditaminou en 2012 que Álvarez-Cascos tiña dereito a recibir unha indemnización de 689.000€ polos gastos e investimentos efectuados nun proxecto que a Xunta autorizou sendo ilegal. Deste xeito, a falla de respecto pola lei da administración sainos outra volta ben caro a todos os galegos/as.

O caso da piscifatoría de Rinlo exemplifica o desprezo pola legalidade, polo noso patrimonio natural e pola cidadanía que practican algunhas empresas coa colaboración necesaria das administracións: Declaracións ambientais á medida e fraudulentas; licenzas ilegais; sospeitas de corrupción por manexo de información privilexiada, deixación de funcións administrativas, modificacións lexislativas á medida e tramitacións “exprés”; inxustiza social e desprezo pola cidadanía ao permitir a algúns amigos facer o que non podemos o resto dos cidadáns...

Por iso, este xuízo a un dos "técnicos" da administración que asinan informes ambientais a medida, e que segundo a Fiscalía "antepuxo os criterios comerciais aos ambientais" e permitiu que se causara "un perxuízo irreversíbel á integridade do lugar", pode sentar precedente e mandar unha mensaxe moi clara aos cargos técnicos da administración: Ceder ás presións dos políticos ou empresarios, pode saír moi caro. Por riba están os intereses da cidadanía á que se deben e a salvagarda das leis, incluidas por suposto as ambientais.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA