Adega
INICIO Últimas novas Que non che conten contos: mentres o PP defenda a incineración, ningunha comarca galega estará libre de fumes tóxicos
Que non che conten contos: mentres o PP defenda a incineración, ningunha comarca galega estará libre de fumes tóxicos PDF Imprimir Correo-e
Envia Que non che conten contos: mentres o PP defenda a incineración, ningunha comarca galega estará libre de fumes tóxicos a FaceBookEnvia Que non che conten contos: mentres o PP defenda a incineración, ningunha comarca galega estará libre de fumes tóxicos a Twitter
14 de setembro de 2012. Que a incineradora do sur, a obra estrela do plano de residuos do PP, "pinta moi mal" segundo o conselleiro Hernández, era algo que os ecoloxistas e as plataformas sabiamos dende hai meses. Ao forte rexeitamento social que suscitaron os delirios incineratorios de Feijóo, mesmo no seu propio partido, engadiuse o demoledor efecto da supresión das primas ás renovábeis que aprobou Rajoy. A nova incineradora, fiada toda á iniciativa privada, xa nen sequera chegou a nacer. As contas non lle saíron a Estela Eólica: adiantar 230 milóns de € para ter a incineradora lista en 2014, e poñer outros 186 millóns (1 millón por MW) para construir os parques eólicos adxudicados polo PP, perdendo até o 80% de rendibilidade pola supresión das primas, foi demasiado. Agora segundo a Xunta, a incineradora do sur acabará onde todo o lixo galego... no macrovertedoiro de SOGAMA en Cerceda, hipertrofiado continuamente por Feijóo durante toda a lexislatura (este ano xa gastou máis de 42 millóns de € en amplialo) para servir como "plan B".

Os ecoloxistas xa advertiamos da "virtualidade" do plano de residuos, que alén de insustentábel ambientalmente e contrario á lexislación, era imposíbel de cumprir no actual panorama económico. E a xogada de trocar megawatios por lixo saiulle mal a Feijóo, que tampouco agardaba a forte contestación que suscitou a súa infraestrutura estrela: A incineradora do sur, paseada como un espantallo por varias comarcas para rematar de volta a Cerceda. Foi precisamente a contundente resposta cidadá, o que nas actuais circunstancias (malestar social pola crise e os recurtes, periodo eleitoral) fan desaconsellábel para o PP manter a incineración e a súa desastrosa xestión dos residuos no centro do debate político.

Mais dende ADEGA insistimos na necesidade de poñer as bolsas de lixo enriba dos atrís dos políticos, porque entendemos que as políticas públicas de xestión dos residuos afectan ás nosas vidas de forma directa. Para nós, o debate nunca foi a ubicación da incineradora: Foi o modelo. Un modelo, a incineración, defendido con mentiras polo PP contra toda lóxica, eficiencia e mesmo contra toda a lexislación de residuos galega, estatal e europea. Un modelo contra o que a cidadanía xa se rebelou ao promover unha Iniciativa Lexislativa Popular que pretende levar ao Parlamento nada menos que o cumprimento estrito da lexislación de residuos, sistemáticamente violada pola Xunta, e o abandono definitivo da incineración.

ADEGA quere transmitir unha mensaxe moi clara á cidadanía e ás plataformas que loitaron contra a incineradora do sur: A experiencia aconséllanos non facer caso dos cantos de serea de quenes onte daban a incineradora por feita e hoxe renegan dela. Mentres a incineración siga sendo a aposta do PP para o tratamento dos residuos, ningunha comarca galega estará libre dos seus fumes tóxicos. Impídeo asinando a ILP contra a incineración!

 

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA