Adega
INICIO Últimas novas Desbroces con maquinaria pesada en numerosos espazos protexidos do litoral
Desbroces con maquinaria pesada en numerosos espazos protexidos do litoral PDF Imprimir Correo-e
Envia Desbroces con maquinaria pesada en numerosos espazos protexidos do litoral a FaceBookEnvia Desbroces con maquinaria pesada en numerosos espazos protexidos do litoral a Twitter

DesbrocesValdovinho9 de agosto de 2012. Coa chegada do verán a administración quere poñer o litoral "bonito" para os bañistas. E para iso, Xunta e Costas do Estado non dubidan en pasar a desbrozadora polos espazos costeiros máis valiosos e protexidos arramplando con hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción. Todo para que a costa quede como a campiña inglesa. Dende o Parque Nacional das Ilas Atlánticas, pasando polo LIC de Corrubedo, Costa da Morte, Costa Ártabra... practicamente non queda litoral protexido sen rozar. Curiosamente, estas practicas contradín as recomendacións do Plano Director da Rede Natura, contribúen a degradar a nosa biodiversidade máis fráxil e mesmo favorecen a introdución de especies exóticas e invasoras. Para mostra a lagoa da Frouxeira: 5 figuras de protección ambiental non impediron que a Xunta pasara as máquinas sobre hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción. A Xunta xustifica estas prácticas (perpetradas sen informe técnico algún) por razón de "seguridade e salubridade" e di descoñecer a existencia dos hábitats e especies afectadas, malia a figuraren nos seus catálogos.

ADEGA leva anos denunciando desbroces reiterados de hábitats de interese comunitario e especies catalogadas en espazos protexidos. O último, no LIC Costa Ártabra, na área da Lagoa de A Frouxeira (Concello de Valdoviño). Esta lagoa, alén de facer parte da RN2000 (zona LIC e ZEPA), posúe outras 3 figuras de protección: Humidal de Importancia internacional - Ramsar, Humidal Protexido e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

DesbrocesCorrubedoNeste espazo, ao igual que noutros moitos da costa, as rozas mecánicas afectaron de forma significativa e moi negativamente á composición, estrutura e funcionamento dos hábitats, tanto de interese europeo como prioritarios (Lei 42/2007 e Directiva 92/43/CEE).

Como resposta ás nosas denuncias, a Consellaría de Medio Ambiente informa da non existenza de hábitats de interese comunitario nas áreas rozadas. Tal afirmación resulta totalmente falsa. E a falsidade ponse en evidencia contrastando cos datos oficiais da propia Xunta de Galiza. Así no servidor cartográfico de información ambiental (SITEB) aparecen cartografados nas áreas obxecto da denuncia distintos tipos de hábitats: 2130* Dunas costeiras fixas (prioritario) e outros de augas permanentes e medios higrófilos sobre os que as rozas realizáronse de  forma reiterada (códigos 1150* -prioritario-, 1330 e 3130).

No seu escrito, a Consellería indica tamén a inexistencia de especies protexidas. Esta afirmación é de novo falsa: Así no Atlas e Libro Vermello da Flora Vascular de España  inclúese unha información básica sobre unha especie endémica do NW Ibérico, Antirrhinun majus subsp linkanum, e recollida no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza (Decreto 88/2007) na categoría de "En perigo de extinción".

No Libro Vermello indícase que Antirrhinun majus subsp linkanum só vive en sistemas dunares e acantilados vexetados, sendo as principais poboacións as da Frouxeira (Concello de Valdoviño) e Ponzos-Santa Camba (Ferrol). A área de distribución inclúe a zona afectada polas rozas e obxecto da denuncia de ADEGA, que tamén coincide coa recollida no SITEB da Xunta de Galiza. Indica tamén que a principal ameaza para as poboacións desta planta rara son os labores de artificialización (rozas, curtas, plantacións, etc.), efectuadas nas áreas dunares e acantilados próximas ás praias: Xusto o que a Xunta e Costas veñen de facer.

Neste mesmo senso, o Plano Director da Rede Natura 2000 en proceso de aprobación, contempla como actividades contrarias ao mantemento dun estado de conservación favorábel dos hábitats dunares as rozas mecánicas, indicando os seus efectos negativos sobre a conservación das especies de flora protexida.

Na súa demencial resposta, a Consellería de Medio Ambiente evidencia, alén de ignorancia e desleixo sobre o patrimonio polo que debe velar, un total descoñecemento da normativa de protección do patrimonio natural e da biodiversidade. Alude a razóns de "seguridade e salubridade" non demostradas, pero de existiren non serían unha xustificación para saltarse as medidas de protección legal que teñen determinados compoñentes da biodiversidade (hábitats prioritarios, especies protexidas) dentro dun espazo natural. A Xunta tería que xustificar con razóns imperiosas de interese público de primeira orde para actuar sobre os hábitats e especies prioritarias consonte á Lei 42/2007, á Directiva 92/43/CEE, e ao Decreto 88/2007). Debería tere seguido os procedementos establecidos nestas normas e non intervir con actuacións descontroladas e sen xustificación técnico-científica algunha. Máis unha vez, as administracións que deben velar pola conservación do noso patrimonio, en especal do máis ameazado, son as primeiras en degradalo e vulnerar as leis.

ADEGA poñerá estes feitos en coñecento dos organismos europeos e internacionais competentes (Comisión Eurpoea, Parlamento e Secretariado de RAMSAR), habida conta da manifesta incompetencia, ignorancia e desleixo da Xunta e Ministerio na xestión dos nosos espazos protexidos.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA