Crónica do VII campo de voluntariado no río Tea |
![]() |
O campo comezou o venres 25, combinamos na vila de Mondariz coa maioría do voluntariado e dende alí desprazámonos ata o albergue Alentea. Logo de Por mor das prediccións meteorolóxicas do día seguinte, adiouse unha pequena introducción ás especies invasoras, que deixamos para o sábado de mañá.Aproveitamos o resto da noite para coñecernos e cear no albergue. Como doutras veces a sobremesa estivo acompañada pola guitarra e a voz de Paco, e desfrutamos da marabillosa cociña de María e Josu.
Aínda que ameazaba a choiva collemos a ferramenta e desprazámonos ata o río. A primeira parada foi nas charcas artificiais que se atopan no aparcamento onde deixamos os coches. Alí xa se tiña traballado en ocasións anteriores. A primeira charca da que xa retiraramos xacinto de auga (Eichhornia crassipes), Azolla filiculoides e cola de raposa (Myriophyllum aquaticum), atopábase en mellor estado. Só había algúns exemplares de cola de raposa e A. filiculoides, e algún pés doutra especie invasora nova no lugar (o papiro, Cyperus eragrostis). Parece logo que as actuacións anteriores, deron os seus froitos, xa que a última vez a charca estaba case tapizada por cola de raposa. Deixamos as labores de eliminación para despois e fixemos unha mostraxe dos anfibios da charca. Atopamos varios indiviudos de ra verde (Pelophylax perezi), e unha femia de pintafontes común (Lissotriton boscai). Tamén puidemos observar numerosas larvas de odonatos, tanto de libélulas como de cabaliños do diaño. Na segunda charca, anteriomente colonizada por xacinto de auga, non atopamos desta vez ningún individuo de flora invasora, afortunadamente atópase en bo estado colonizada por flora autóctona. Alí tamén identificamos dúas femias de pintafontes común, e numerosas larvas do pintafontes verde (Triturus marmoratus).
Como a choiva non daba tregua voltamos ao albergue a comer uns bocatas e voltamos ao río a primeira hora da tarde cando xa estaba o ceo despexado. Repartímonos nun grupo grande que traballou sobre unha mancha de mimosa, da que se dera boa conta nos dous campos anteriores. Por esta razón o traballo desta vez foi a actuación sobre as raíces, para evitar ao máximo os rebrotes. O grupo de 15 voluntarios/as traballaron duramente levantando raíces, sachando, serrando, arrincando e recollendo os restos das mimosas. A maioría dos restos retirados non tiñan perigo de rebrote, polo que deixamos amoreada moita materia vexetal á beira do camiño, porén tamén levamos uns sacos para que o equipo de limpeza os recollan e traten axeitadamente. Pola súa parte o grupo itinerante, de aproximadamente 5 persoas, retirou as especies invasoras antes nomeadas da charca, varios pés de T. x crocosmiiflora na beira do río, e tamén de falsa acacia (Robinia pseudoacacia). Esta especie, atopábase no lugar onde se eliminou unha grande mancha de bambú (Phyllostachys sp.). Non se atopou ningún pé desta especie asiática, pero si de falsa acacia. A xornada de traballo rematou ás 8 da tarde, e despois de sacar a foto de grupo xunto ao material retirado marchamos cara o albergue onde nos agardaba unha cea ben merecida. A noite seguiu con charla, risas, e un bo concerto de voces por parte de todos os voluntarios e voluntarias. Á mañá seguinte tras almorzar reunímonos no albergue para facer unha posta en común dos traballos realizados o día anterior .Coma sempre neste espazo demos pé a escoitar as propostas de mellora do grupo de voluntariado.
A fin da ruta (que a todos se lles fixo curta), foi na vila de Mondariz Balneario. Despois dunha ducha quente e de merendar, despedímonos ate a vindeira actividade. Podedes ver as fotos do campo no seguinte álbum de Google+ do campo |